Ás veces a preguiza pode con nós. A foto aparece diante túa e sabes que hai que facela. Pero non tes a cámara cerca, ou estás a gozar tanto do momento que non che apetece deixalo para ir por ela, ou tampouco pensas que aquela foto sexa irrepetible.
Iso é o que pasa ás veces coas cousas cotiás, aquelas que nos fan felices e forman parte do noso día a día dunha maneira tan firme que case parece imposible que deixen de acontecer.
Hai cousa dun mes estaba xantando con meus pais e aconteceu algo cotián. Chegou o Ulises, aquel gato raiado que che presentei hai días, e empezou o seu ritual de incordio á hora do xantar humano. O Ulises éravos un gato moi pereno. Criouse nun piso e alí colleu hábitos humanos que lle facían buscar cariño ás veces dunha maneira impetuosa, responder miando ao que se lle dixera, gozar de durmir acompañado e devecer polas viandas dos humanos. Cando chegou a Romeán, aquel lugar converteuse na súa Itaca e afastábase da casa para vivir as súas castas aventuras.
Cando comezaban a soar os ruídos da cociña, pratos e vasos para a mesa, xa empezaba o ritual. Vaite daí Ulises!, que carallo de gato! Se non o botabamos fóra da casa ás veces gañaba un lambizo sabososo, ou unha cunquiña de sopa, que é cousa de moito alimento. Mais se non cedías o tipo porfiaba e procedía ao ataque. Ben sabía o Ulises a quen se tiña que arrimar: nun momento xa estaba ao carón da silla de meu pai, seguinte paso: subir ao fachinelo da cociña, miañar e apoiarse no lombo do Darío e, se todo ía ben, o paso último: o Ulises pousábase riba do seu ombreiro.
Dába gusto mirar para eles. Non sei por que a escena sempre me recordou a John Silver, supoño que como o pirata por antonomasia, e o loro no seu ombro. Aí aparecía a foto. Que preguiza me deu hai un mes ir pola cámara! Seguro que o xantar estaba bo e enfriaba, seguro que a conversa era xeitosa, seguro que estabamos a rir cos malabarismos do Ulises e a paciencia de meu pai.
O Ulises afastábase para vivir as súas aventuras, ás veces un par de días, pero sempre volvía. Chamabas por el e viña correndo co seu andar de vaqueiro de pernas arqueadas, Ulises John Wayne. Xa vai para dúas semanas que non volveu da última. Xa non haberá máis aventura. E a foto quedou sen facer.
E iso é o que menos importa.
Russian Red, No past land
Lástima de foto pro máis lástima de Ulises