E xa vai outro ano máis que sumar.
Como a melancolía é un estado de ánimo (ou o que sexa) ao que acudo con frecuencia, desde logo non é raro entender que o paso de cada 31 de decembro a cada 1 de xaneiro sexa para min un día de recordos. Balance non vou facer, o 2008 tróuxome do máis amargo e do máis doce. Empezarei o 2009 compartindo contigo unha sensación que me encanta: a de meterse nunha cama coas sabas recén postas, lavadiñas e pasadas polo ferro. Gorentoso pracer de poñer roupa limpa.
Anque sexa máis dificil cós asuntos da colada, tentaremos cambiar de ano con limpeza da mente e do corazón. Para empezar con bo pé, escoitarei ao Sinatra nunha canción que sempre me alegra o espírito: Fly me to the moon.
Que goces moito do 2009
Ola, Alex. Desde que descubrín esta ventá, gústame abrila, sempre atopo sorpresas agradables. Aquela primeira foto, a das túas mans, e o que dicías delas, emocionoume. As da neve, deliciosas. Amosas sensibilidade en cada detalle. Un bo comezo de ano con esta imaxe: branco impecable , azul intenso e, o mellor, o propósito de limpeza de mente e corazón. Coido que non se pode pedir moito máis.
Que este ano che traia moito ben.
Unha aperta. Aura.
Moitas grazas, Aura, polas túas palabras, e moitas grazas polas túas miradas. A túa ventá sempre é un bo lugar para asomarse e a miña un lugar onde é gozoso acollerte. Apertas
Cada vez que vexo esta imaxe pecho os ollos e vén a min a roupa que miña avoa poñía ao raiolo os fríos días do inverno… ao pouco preguntaba:
– “Estará xa enxoita?”
Entón, eu corría ansiosa cara ao cordel e na punta dos pés medraba para ter o privilexio de descolgala, encartala e depositala nunha enorme bañeira de cinc.
Despois, carretala, xa era outro cantar!
Grazas por facer que recuperemos os momentos.