Xeada

Moito frío fixo estes días. Un frío de limpeza de aire e luz intensa que acariña a cámara pedíndolle novas miradas.

Este sábado vin un documental na TVG do que pouco sei porque o collín comezado. Nel falaban do país distintas persoas, unhas que viven aquí e outras que están fóra. Foi unha alegría escoitar unha voz e unha mirada amiga que hai anos que non vexo: a de Enrique do Zapateiro.

Enrique vive en Barcelona, pero naceu en Castroverde e iso marca un carácter especial nas persoas que son dalí. Unha fonética deliciosa, un apego ao idioma porque si, sen darlle máis voltas, e unha vinculación estreita e indispensable a esa terra que nunca esquecen e á que sempre volven se a vida os levou fóra dela. Se coñeces Castroverde enténdese ben este apego: soutos impresionantes, rica arquitectura, tanto popular como monumental, terras vizosas e verdes…

A miña parroquia, Romeán, non pertence ao concello de Castroverde senón ao de Lugo, pero o seu carácter estremeiro, limítrofe, deixa a un lado o puramente administrativo para darlle paso a unha comuñón especial cós desa terra algo máis alta cá nosa. Os de Romeán sempre fixeron máis vida cara Castroverde que cara Lugo, por moito que a nova estrada fora cambiando algo as tornas. Compartimos con eles moitas cousas, entre elas a paisaxe que puideches adiviñar nalgunha das miñas fotos.

O Enrique do Zapateiro falaba das grandes xeadas en Castroverde cando el era pequeno, e estes días moito xeou. Este domingo debían ser cerca das doce do día cando me decidín a coller a cámara e facerlle unhas fotos á xeada que quedaba polo meu prado. Inda tamén quedaba algo da última nevarada, fixada á pedra con este frío que pide tardes a carón lume.

Por vez primeira non che presento as fotos directamente, senón montadas nun pequeno vídeo. É a miña primeira incursión nos programas de edición de vídeo, e creo que  non vai ser a última; outras veces gravei ou fotografei pero dependín da man amable que montou os vídeos por min. A canción tíñaa escollida hai moito, a primeira vez que a oín decidín que sería a banda sonora do meu primeiro vídeo, se é que este chegaba. Chegou un ano despois.

Desta volta vai con dedicatoria especial para Enrique; e tamén para aquel con quen descubrín Castroverde e para aquel do que aprendín o pouco que sei da montaxe de vídeo.

Clica na foto e abrirase o vínculo con YouTube para velo.

Carballo xeado

7 thoughts on “Xeada

  1. Preciosas imaxes, unha vez máis, as que deixas no teu blog.

    As túas xeadas recórdanme as que eu, como Dezao, vivín de pequeno. Agora que estou medio-amariñado case me dá a risa cando oio por aquí:
    -“Vaia xelada caeu esta noite!”
    Eu párome a mirar e non vexo case nunca por ningún lado imaxes coma as que pos, que son as que a min se me veñen á cabeza cando se fala de xeada. O de aquí non deixa de ser un tímido esbozo que só os lugareños identifican como xeada.

    Saúdos

  2. Non coñecía aínda a existencia deste blog… ten moito camiño por diante, e con fotos e descripcións coma esas, moito máis!! Felicidades por estas coidadosas entradas!

    E por certo, falando o mes pasado con Enrique, cometou(nos) algo sobre un documental, gravado, unha parte, en Barcelona, e do que decia que parecía que a TVG non estaba xa por emitilo, pero ao final fixerono. Podesme decir a que hora foi aproximadamente? Gustaríame dalo a coñecer un pouco, e publicalo.

    Moitas graciñas, e felicidades de novo!

    • Pois o documental puxérono o día 10 deste mes no programa Galicia Documental, que vén sendo os sábados despois de xantar, aló polas catro da tarde. Quixen volver velo na páxina web da TVG pero non poñen estes documentais na televisión á carta (unha pena porque outros programas si ofrecen esta posibilidade). Se souberamos máis del (se cadra Enrique pode dicirche quen o produciu) podemos buscalo pola rede. Douche a benvida a esta miña ventá e moito che agradezo as túas palabras, que dan azos para seguir adiante. Seguimos en contacto, por aquí e por masoucos.com.
      Moitas grazas tamén a ti, Suso. Por certo, hoxe a túa terra debe estar branquiña de todo. Iso tampouco poden vivilo os da Mariña! No interior, pasar, pasamos frío, pero hai imaxes que quentan o corazón. Bicos

  3. Boas de novo Alex!

    Algún dato máis xa sabemos, gracias a Enrique, pero creo que non será suficiente. O director chámase Eloy. E a empresa productora chámase Off Fims.
    O título do documental, que dura perto de 90 minutos, é: “QUEN SON?”, unha pregunta que gravitaba sobre tódolos chamados a falar, como provocadora dunha reflexión sobre a identidade propia e a condición de galegos – todos- uns en Galicia e outros fóra.

    E falando de documentais, levo un tempo querendo atopar o documental “Queda alguén aí?” de Rafael Cid, se por casualidade con calquera deles, farías unha obra para a humanidade comentadomo!!! 😉

    Saúdos a Toño e Cristina e tamén como non para ti. (boa xente esta de Xustás). 😉

  4. Ola, Tino.

    Pois eu tamén dei falado con Enrique e tentei buscar o documental polo nome do director, Eloy Lozano, pero de momento non tiven resultados. Inda así vouche dar unha boa noticia: do outro documental que me falas, o de Rafael Cid, hai un exemplar na biblioteca de Xornalismo na USC. Esta semana que vén heino de coller e xa che contarei.
    Dareille os saúdos da túa parte á miña xente de Xustás, de boa estirpe.

    Apertas

  5. Que alegría!!! Co que eu busquei ese documental…
    Así da gusto!! Pero conta, conta… que tal? ou aínda non o viche?
    Toda información será benvida. Gracias!!!

    • Tino, o moito traballo que tiven estes días impediume ir ver o documental, pois non se pode sacar da biblioteca. A ver se non se demora a cousa moito, que xa me intriga. En canto teña noticias avísote!
      Maeloc, as túas agudezas e achados fanme botar sorrisos que me levan ao tempo en que tirabas do pelo… recordos de irmáns que non naceron séndoo pero tiveron vontade de selo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s