Batume

Nestes últimos días de descanso, desexado e obrigado, tiven tempo a meterme no mundo que Manuel Lourenzo González crea no seu blog Batume. Entre imaxes e historias reparei unha vez máis na fotografía da capa do seu libro O xardín das pedras flotantes, premio Xerais de novela 2008, da autoría da artista Victoria Dielh.

Esa fotografía, de figuras de pedra con pel de musgo, faime lembrar un episodio que vivín con meu irmán hai uns anos.

Andabamos facendo unhas rutas de sendeirismo no Concello de Lugo (a moitas cousas se ten adicado Alex Ghalpon) e fomos a un lugar moi querido por nós desde pequenos: o monte Segade. Mesmo ao carón da cidade, do outro lado do río, o río Mera ofrece bosques de ribeira rodeados de fragas antes de darlle as súas augas ó xa grande Miño moi cerquiña da ponte nova. No Mera vizoso hai inda restos de pesqueiras e varios muíños cos seus rairos e caneiros. Subindo río arriba camiñabamos cara o muíño de Abilleira e atopamos uns penedos de imaxes misteriosas. Coma sacados dun obradoiro de canteiros medievais: un rostro, un ser fantástico e retorto, o evidente Agnus Dei… figuras de pedra con pel de musgo.

Lugar máxico de beleza espléndida, mil historias poderían nacer de camiñar por el. Aconsélloche ir, pero mentres tanto eu ofrézoche as fotos.

ruta-do-mera-19

cara-de-frente-2

figura-1

agnus-dei-3

ruta-do-mera-23

Esa noite, só tapados coa miña chaqueta e o seu chal de algodón, xacemos xuntos no xergón de area cuberta de follas e pétalos de flores.

O xardín das pedras flotantes, p. 283.

Zarabanda da Suite en re menor de Georg Friedrich Händel.

11 thoughts on “Batume

  1. Pracenteira mañá de domingo a que me ofreces co teu paseo fresco, detido e embatumado. Agora, cavilo no misterio das pedras invadidas polo brión e sinto envexa de non ficar sentada, coa ollada perdida en algures, nese xergón de area cuberta de follas e pétalos de flores.

    – Canta arte!

    Arte a dúas bandas 😉

    • Que ben, Lorena, que che guste! E ademais dasme o nome en galego do musgo, que eu descoñecía. Palabras de doce brión as túas. Beizón

  2. Pois puxéchesme aínda máis cavilosa e… seica brión non, se lle facemos caso ao VOLGA.

    Quizais carriza, lique…

  3. Lorena,
    Tampouco hai que tomar o VOLGA como se fose a biblia. Eu non sei, pero nos vellos dicionarios (Carré Alvarellos, Eladio Rodríguez) BRIÓN aparece co significado de MUSGO QUE NACE NA CORTEZA DAS ÁRBORES (Digo eu que ben valerá para o que nace nas pedras).

    Gonzalo Navaza, no seu “Fitotoponimia galega” escolle esa mesma acepción (MUSGO) de entre todas as posibles para explicar o topónimo Penedo Brión, en Hermisende. Para os outros BRIÓN decántase por unha orixe prerrománica.

    Saúdos

  4. Volvendo ás fotos, fan que pense sobre as intervencións na natureza na actualidade. Eu non sei quen nin cando labrou esas pedras, pero o certo é que, co paso do tempo, acabou logrando que gañasen interese.

    Penso que se hoxe alguén colle as pedras da beira dun regueiro e fai iso mesmo, sería merecente dunha dura sanción por atentado contra o medio ambiente.

    É que eu fun un neno labrego, deses que levaban sempre unha navalla no peto, e tamén teñpo feito as miñas “intervencións” na natureza. E creo que hoxe sería un delincuente.

  5. Fomos coincidir tres bos… eu, que por tradición familiar teño o vicio das palabras, e vós, Lorena e Suso, que como profesores de galego ademais gañades o caldiño con elas, jeje. A min dáme gusto falar destas cousas. Eu incluso consultei con meu irmán, que é o biólogo da familia, e díxome que o grupo das briófitas é amplo e inclúe, entre outras cousas, os musgos. “E logo estás segura que non se pode dicir musgo?”, díxome. En fin, se imos á botánica, tódolos musgos son brións, pero non tódolos brións son musgos. E seguiremos gozando con eles… Bicos!

  6. Estou a seguir con atención o debate filolóxico “musgo” vs. “brión” e quedo particularmente prendado da sentencia ghalponiana “Todos os musgos son brións, pero non todos os brións son musgos”. Probei a trocar brión por bribón en San Google e atopei unha cita histórica de moita fachenda: “Non todos os españois son bribóns, pero si todos os bribóns son españois” [Victoriano Huerta, Ed. Radamés, 20 de marzo de 1914].
    As fotos, como diría un común amigo, siguen a ser exceleeentes, sempre acompañadas por textos ben xeitosos. Parabéns polo blog, Ghalpon!

  7. Moitas grazas Alex pola visita ao Batume. Devólvocha, compracido de atopar estas paisaxes fotográficas tan entrañábeis e suxerentes. Debe ser unha auténtica sensación camiñar por calquera sitio e descubrir pedras con caras e historias envoltas en brión, carriza, lique e algo de musgo aínda que sexa.
    Sabes que a portada do Xardín reproduce unha das esculturas do célebre Parque de Bomarzo (Italia). Vendo as túas fotos, lembrei unha paraxe de pedra tamén esculpida que coñecín na Bretaña francesa hai anos e que é espectacular. Por se non a coñeces, trátase dun bo anaco de costa granítica que foi esculpida con figuras humanas e míticas por un frade medio tolo e que narra historias de piratas e outras maxias. Está en Rothéneuf, preto de Saint-Malo. Para matar a curiosidade, acharás informacións en Google e fotos abondas en Flickr se picas “rochers sculptés Rothéneuf”. Tamén en Youtube hai algunha reportaxe, aínda que de baixa calidade.
    Gustaríame terche descuberto algo novo, e tamén aos teus visitantes (saúdos, Lorena).
    Grazas de novo. Seguiremos por aquí.
    MLG

  8. Unha vez máis sorpréndenos Ghalpon coa súa boa man para a arte fotográfica e o uso máis que correcto do teclado..Parabéns!!

    • Manuel, grazas a ti por estar e por ser. E moitas grazas por levarnos de viaxe virtual polas terras da Bretaña, descubríndonos (cando menos a min) cousas novas; que ganas quedan de ir por aló.
      Suso, unha vez máis agradecida polos teus comentarios. Dá gusto que o que fago vos guste.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s