Hoxe, creo que por vez primeira, non vou poñer as miñas fotos. Hoxe as miradas son de Fernando.
Fernando Rodríguez é de Silleda e é un grande escultor. Ten un gusto esquisito polos materiais e unha mirada especial para sacar grandes cousas das máis pequenas. Moito me gusta a etapa creativa na que estaba hai dous anos, cando o coñecín por aquelas terras do Deza, minimalista traballo sobre pedras gozosas ás que Fernando lles saca mil posibilidades, subliñándoas, poñéndoas de relevo, facéndoas protagonistas porque el ve o centrais que elas son, a esencia que teñen e que a maior parte da xente non ve. Fernando é meticuloso pero tamén espontáneo, e desa espontaneidade saen os seus últimos traballos, dos que me mandou memoria fotográfica.
Por cuestións laborais Fernando trabou durante un tempo con madeiras de moitas castes, e co refugallo fixo obras moi interesantes. Aquí tes dúas imaxes.
A Fernando tamén lle gusta facer obras efémeras, que el mesmo desmonta ou que deixa ficar no sitio para que a erosión as desfaga pouco a pouco. Nestes primeiros días floreados deulle por xuntar pizarra e mimosas, dureza e fragancia, que ficaron unidas nunha aldea abandonada da serra do Candán.
Estes tempos estiven con ganas de facerlle fotos ás vimbieiras, pero non dei co xeito e non saiu ningunha que me parecera xeitosa para ensinar. Cal foi a miña sorpresa cando recibín estas fermosuras por parte de Fernando.
Mentres facía este post, estiven escoitando e vendo o concerto Live in Dublin, da xira que Bruce Springsteen fixo co seu disco homenaxe a Pete Seeger. Aquí deixo unha mostra.
Xandra,
Moito me alegra que me xuntes no mesmo espazo a Fernando Reodríguez e a Bruce.
A Fernando coñecino hai ben anos, cando era “Cano” para nós. Compartimos patio de colexio e empecei admirando o seu brazo de ferro que facía del un gran xogador de balonmán. (Daquela creo que admiraba tamén algo a súa irmá, pero isto que ninguén o saiba).
Eran os tempos das cervexas no “Máis alá” -onde aprendín de memoria a Manuel Antonio sen saber quen era- e no “Avenida”.
Despois admirei a súa maxia coa pedra, e lembro especialmente un sombreiro que lle vin cando el xa andaba metido nos camiños do abstracto.
Como o tempo e os quilómetros poñen a cada un por onde cadra, pouco souben del nos últimos anos. Por iso me causa especial agrado atopalo no teu blog.
E de Bruce que vou dicir.
http://eltoupoquefuza.blogspot.com/2009/03/bruce-springsteen.html
Moi bo este artigo, Ghalpon. A Fernando teño o pracer de tratalo con asiduidade (igual ca o dono do Avenida, o bar que cita Suso no comentario anterior). Mesmo fixen, hai xa uns aniños, un pequeno vídeo no seu taller:
Falabarato, non lembrei o teu vídeo (moito me gusta, por certo) no momento de facer o post; fas moi ben en vinculalo pois ficaba eivado sen el. A ver se un día destes o taller de Fernando volve abrir as portas para ser gravado e fotografado. Se cadra Ghalpon ten sorte e pode ir facer unha reportaxe.
Suso,
Que ben atinar cos teus gustos e lembranzas. Gozaremos no monte do Gozo ao vermos e escoitarmos ao Boss.
Confía o Edelmiro en que o Falabarato o leve un día ver a obra do amigo Fernando.