O 14 de abril évos un día moi querido para Ghalpon, porque nun 14 de abril de 1931 naceu a II República e porque antes do xantar do 14 de abril do 75 aparecín eu neste mundo.
Desde pequena tiven certa obsesión coas flores, e en certas aventuras con elas fun reprendida. Lembro ben que, con palabras serias de home cariñoso, meu avó tallou o meu vicio de coller flores de onde for: “Se apañas esas nin haberá mazás nin haberá cereixas!”. Seguro que sen permiso teño collido moitas (inda o fago ás veces): supoño que nesas andaba cando me quitaron a foto que ensino hoxe e pola que sinto predilección.
Ultimamente retrato inda ben máis flores das que collo. Neste marzo florido, máis primaveral que o abril no que andamos, fixen fotos por Romeán das flores do noso xardín. Aquí che deixo unha pequena montaxe con elas.
Saúde e República!
Felicidades, Alex! Unha foto entrañable e un vídeo fermosisímo, de auténtica primavera.
Vexo que compartimos a predilección polas flores. Eu tamén teño levado as miñas “riñas cariñosas” por parte da miña avoa, pois cando chegaba a primavera enchía a casa de flores que lles cortaba ás maceiras e demáis árbores froiteiras; parecíanme tan bonitas! E sigo pensando o mesmo, só que agora teño un pouquiño máis de consideración á hora de collelas.
Ah! Por certo, nacemos no mesmo mes, eu acabo de cumprir unhas cantas unidades máis.
Grazas, tamén, por traernos á memoria aquel 14 de abril; sen dúbida, unha data importante para recordar e celebrar.
Parabéns para ti tamén, Aura! Acabo de ver que tamén conmemoraches aniversario na túa ventá con fotos fermosas de cores vizosas. Parabéns ademais por ese primeiro ano das túas miradas abertas para que gozemos todos nós. O noso coas flores inda vai ser polo mes do noso nacemento. Traiamos a Rosalía con nós:
…nacín cando as prantas nacen,
no mes das flores nacín.
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril…
E non podía ser doutro xeito. A primavera e a memoria fai que celebremos a existencia da mellor flor de Romeán, a nosa Ghalpon.
Sempre os meus parabéns!
Como non vai haber saúde con esas flores!
preciosas floriñas, todas elas, e máis ca ningunha a de dúas pernas!
parabéns, Ghalpon!
Que bonito piropo, Zeltia! As perniñas agora téñochas máis gordiñas… máis me vale, pra termar do peso da barriga! Bicos
oh, a república de ghalpón!