O meu corazón ten un lugar para ancorar en Perlío, no Fene facedor de grandes barcos. Nesta primeira fin de semana de maio por alí estiven, e no mediodía do soleado domingo fun cumprir cun ritual: a visita á vila mariñeira de Redes, no concello de Ares, para tomar un algo na Pousada do Mariñeiro e gozar co mar, os olores e as cores, e a conversa.
Como ás veces acontece, fixen unha pila de fotos. Non me é doado escoller, así que poño unhas poucas e o resto pódelas ver nun vídeo máis abaixo.
As miradas van con adicatoria especial para Uxía, por levarme a Redes aquela primeira vez, por seguir acompañándome e por outras moitas cousas.
Aquí está o vídeo, se pulsas en HQ podes velo con alta calidade.
Nunca estiven en Redes, e mira que me levan falado ben veces dese sitio. Despois de ver estas fotos xa anuncio que deste vrao non pasa. Ghalpon, poñen cousas ricas na Pousada do Mariñeiro?
Eu tampouco estiven en Redes, unha visita pendente dende hai tempo. Agora, grazas á túa reportaxe, xa podo dicir que si estiven un pouquiño; eses detalles que nos amosas, eses rinconciños con tanto encanto, son os que fai que sexa moito máis que unha visita virtual. Ademais dunha atenta mirada, vese que Ghalpon pon o corazón nos seus traballos. E así, mentres desfrutamos vendo as imaxes, sentimos coma se o vivísemos de cerca. Que ben!
Unha aperta.
Non sei se poñen cousas ricas na Pousada do Mariñeiro, reformárono hai pouco e agora deben dar algunha cousa xeitosa. Eu cando vou bebo algo e podo botar un bo pedazo parolando e comendo pipas cabo do mar. Un pequeno-gran pracer.
É verdade, Aura, que neste vídeo puxen moito corazón, porque Redes é un deses lugares fundamentais na miña vida e porque por aquelas terras pasei moi bos momentos. Estou pensando en ir facendo unha especie de guía dos meus lugares de referencia, a través de fotos ou vídeos. A miña Itaca xa vola presentei, é a miña casa de Romeán. Desta volta tocoulle a Redes. Seguirei falando doutros lugares e recordos. E seguirame gustando saber que os meus lugares tamén son vosos.
Apertas