Primeiro día completo en London. Almorzo contenta e saio coma se acabara de chegar á Lúa, fixándome en todo e deixándome levar pola man amiga que me guía e acompaña. Domingo domingueiro, paseamos polas rúas con calma desexosas de ver cousas novas, sentir, ulir, comer, escoitar… doutra maneira.
O metro e o autobús han ser os meus amigos estes días, e lugares nos que a miña cámara rouba retratos e présas. Gústanme as estacións e o tránsito, hoxe na estación da Liverpool Street. O monumento aos nenos xudeus fuxidos da persecución nazi agarda a carón do MacDonald’s, os cociñeiros e as compras no mercado de Petticoat Lane. Buscamos a Jack o Destripador no pub The ten bells, logo de gozar da serena fermosura barroca da anglicana igrexa de Cristo de Spitalfields, Christ Church. Volvemos ao mercadeo no vello Spitalfield market, onde gozamos con varios dos sentidos, tan cool que ata venden galiñas fashion. E logo paseo pola City, baleira neste dominguiño dos yuppies de carteira chea e dos yuppies de carteira lixeira, a City da Lloyd’s, do Gherkin e do Leadenhall market, de grandes edificios e vellas riquezas que espertan conciencias sen querelo e chaman pola revolución, que se cadra nos dá por soñar tomando un té no Barbican.
P.d.: O anuncio das galiñas di, nunha tradución aproximada:
Aves de curral: Un par destas galiñas poñerán sobre unha ducia de ovos tódalas semanas. Son incriblemente doadas de manter e convértense en magníficos animais domésticos. Pack de inicio ás galiñas e ovos: -1 poleiro mediano -1 cerramento -2 poñedoiros -20kg de comida para poñedoras -1 contedor/dispensador de auga -1 bolsa de palla para estrar -1 libro de tapas duras sobre o coidado de galiñas-consellos prácticos de Jane Eastoe. Todo o que precisas para comezar xa a producir os teus propios “ovos da casa”.Divertido, non?
The Beatles, Here comes the sun.