A muller aproveitou que estaba o fillo na casa para que a achegara no coche á praza mercar cebolo. Hai anos que ten boa horta, pero non fai semilleiro e merca as prantas pequenas nas tendas do ramo ou mellor inda nas feiras ou mercados, que sempre dan pé a xeitosas conversas e “sistemas tradicionais de marcaxe de prezos”.
Na praza estaban as vellas da contorna ofrecendo os seus produtos, e a muller botáballe o ollo a algún e preguntaba:
-A como vai o cebolo? -A seis euros o cento. -Non lle dou máis ca cinco, e levo os dous que lle quedan. -Non señora, díxenlle seis. -Pois logo… adeus, grazas.Seguiu camiño, o fillo atrás, pero este xa ventou a xogada.
-Volva, señora, volva, doullos a cinco e medio. -Eu doulle dez polos dous. -Lévemos no que lle digo, señora, que quero acabar e ir pró médico. -Pois se quere ir pró médico, vaia tranquila, non o pense máis, doulle os dez, vosté acaba a feira e as dúas contentas. -Bueno logo…As mulleres remataron o negocio. A vella marchou pró ambulatorio, e a muller puxo as cebolas. Non sei que tal lle foi á vendedora no doutor, mais a compradora anda estes días apañando unha gloriosa colleita.
Agora queda enrestralas. E preparar a empanada.
Miguel Hernández, Nanas de la cebolla, na voz de J.M. Serrat.
P.D. Ás veces as palabras son enredosas -ou se cadra enredeiras, niso está boa parte da súa graza- e incluso para os falantes do mesmo idioma significan cousas diversas ou non se usan no mesmo contexto. Teño comprobado, como teredes moitos de vós, que se imos ao léxico máis popular ou vencellado aos oficios a cousa inda se complica máis. Eu sempre oín na miña casa falar de “botar as patacas” ou “poñer as cebolas”, noutros lugares dise “poñer as patacas” ou “plantar o cebolo”, riqueza non falta. Usemos unha maneira ou outra, unha palabra ou outra, o caso é entenderse, como dixo o outro; e como falar inda presta, e preguntar non dá medo, o gusto da conversa é delicioso, e o tema da lingua dá pé a facer bo uso dela… nos amplos e diversos sentidos da palabra.
Seguro que esa maña que ten a nai para relear polo prezo do cebolo xa non a ten o fillo… e penso que a filla tampouco ha estar moi sobrada. Acertei, Alex?
Creo que os dous son moi modestos herdeiros… A pena é que non hai moitas ocasións onde ensaiar, por moito que os xenes tiren polo gusto do regateo.
O regateo é unha arte difícil que consume tempo, igual que a arte de negociar coas palabras… E os novos nunca encontramos tempo…
Grazas por compartir imaxes, música, palabras e sentimentos.
Tes un blog que sana a un 🙂
Moito sentido nas túas palabras, Moucheira. O que teño é un blog pra intentar sanar eu ;-), e con comentarios coma o teu a cura vai indo. Moitos bicos