A S. F. S., que cunha foto súa deu pé a este post.
Estes días de atrás reencontreime con Mondoñedo. Que bonita vin a cidade, pausada e acolledora. Do seu valor artístico e cultural sobra falar, que xa enche os ollos. Eu vou por alí desde pequena e procuro non deixar de ver dous lugares que quedan un pouco fóra do máis coñecido e visitable desta cidade: o barrio dos Muíños e o cemiterio vello. Ao barrio dos Muíños chegamos pasando pola Fonte Vella, bo lugar para parolar, parada imprescindible. O barrio ten unha estrutura singular en función do río, os rairos e as pontellas. A ponte do Pasatempo é alí testemuña da vella historia e da necesaria lenda, e os vellos oficios artesanais teñen unha herdanza en novas iniciativas que agora se desenvolven.
Mais se cadra é o cemiterio vello o lugar que máis recomendaría visitar: unha fermosura chea de sentimento. Restaurado hai pouco, destaca a pedra da zona -unha especie de mármore con augas-, as tumbas no chan, as árbores e a herba, e tamén o enterramento dalgúns dos nosos ilustres: Cunqueiro está nun nicho, Leiras Pulpeiro rodeado de nenos, Pascual Veiga nun fermoso mausoleo. É un bo sitio para pasar un anaco e deixarse levar, vendo e lendo como a nosa xente lembra e coida os seus mortos. Eu reparei nunha lápida hai xa moitos anos, de pedra gravada e placa de bronce, e sempre que vou releo a espantosa historia:
“Aquí yace Doña Josefa Somoza de Candia con el desdichado ser que de sus entrañas fue ecstrahido sin vida. Falleció en 24 de Octubre de 1854 a 34 años de edad.
Poco tiempo ha durado mi ventura que en la unión conyugal se cimentara, y al placer que fugaz me enagenara, sucedieron el duelo y la amargura.Despues que a tanto amor la Parca dura me arrebata una esposa, prenda cara, a quien todas mis ansias consagrara, solo penas el alma ya me augura.
Si, dulce esposa, penas y quebranto acibarán los días de una vida de que el solaz has sido y el encanto.
¡Oh! Desde la mansión donde acogida te dio el bondadoso Dios, recoge el llanto del que fe te ha jurado y no te olvida“
Hoxe inclúo un invento: a música vai nun reprodutor de http://www.goear.com para que poidas (se queres) escoitala sen saír do post, só tes que clicar na icona do play.
Secret Garden, Adagio, da BSO da película 2046, de Wong Kar Wai.
Hoxe, en que agosto xa logo é setembro, e o mes de San Roque se despide cunha calor que fai que ata os paxaros se acubillen procurando o fresco na fronda, ler as túas palabras e ver esas fermosas imaxes fai que que tamén eu me acorde daqueles seres queridos que xa non están o meu carón. A música de “Secret Garden” consegue que aínda o conxunto sexa máis fermoso. Felicidades e grazas.
Benvido, Incógnito, a este espazo de miradas e recordos. Miramos no presente e o mirar lévanos ao pasado cheo de claves e recordos, e se cadra a un futuro soñado. Grazas