Na primeira fin de semana de setembro puiden conxugar tres das miñas debilidades: as feiras, a Idade Media e a cidade de Pontevedra. Nunca estivera na Feira Franca, e quedei coa intención de volver moitas veces. O ambiente foi fantástico, tiña medo de que a festa non tivera moito xeito e que pasadas certas horas non fose moi agradable andar pola rúa. Moito ao contrario, a Feira Franca ten para min unha característica que a fai ben gozosa: é vivida pola xente da boa vila, que levaba días acondrumiñando os seus adobíos e facendo das mercerías lugares de festa; as familias, os amigos, fan convite xuntos, nesas grandes paparotas que se argallan na rúa.
Para seguir no meu estilo, fun un pouco demodé, miña mai “teceume” un vestido ao estilo do S. XIII-XIV, cando a xente andaba máis no XV-XVI. Agora que o penso ben, inda gocei máis da festa por poder andar por aí vestida con outras apariencias. Gozo no proceso da creación do personaxe, e gozo cando o personaxe anda polas rúas e captura instantes. Aquí os están.
Non se cargan as fotos. Pásame só a min ou hai un erro na páxina?
Saúdos
Suso
Moitas grazas polo aviso, Suso. Respóndoche co novo post e o vídeo en Youtube, procura darlle á icona do HD, así veralo en boa calidade e nun tamaño moi xeitoso. Bicos
Pois eu tiven sorte porque puiden ver o vimeo perfectamente.
Unha reportaxe repleta de momentos e detalles, precioso. Sempre o consegues!
Algunha das imaxes, como a da muller tecendo a trenza de palla, emocionoume especialmente; tróuxome recordos da infanza e de persoas que xa non están máis… Grazas, de novo.
Unha aperta dezá.
O traballo das mans é algo emocionante, e eses vellos labores sempre abren ventás na memoria. Moitas grazas a ti. Por certo, Ghalpon bota de menos as túas bonitas miradas, non deixes que as novas responsabilidades pechen esa ventá aberta á que moitos nos imos asomar de cando en cando. Apertas