Area de Bon

Agora que as vacacións de verán xa van aló, os días de sol inda crean vontade de praia. A praia da que teño recordos máis vellos é a de Area de Bon, na parroquia onde naceu miña nai. Grandes penedos, unha area gorda e amable, e a praíña Cunchosa ao carón, que a min me parecía tan ao lonxe, ao final dunha praia enorme. Area de Bon xa non é tan grande, non é que revera, senón que eu medrei e a memoria que dela tiña quedou fixada nunha foto que xa non existe.

Estiven este verán alí, había moitos anos que non ía, e pasei unha tarde de memoria e amizade, lembrando a miña avoa Rosa, vestida de loito deitada na area, os xantares de fiambreira, tortilla morna, pementos fritidos, bistecs empanados, arrecendo a eucalipto, e a hora da merenda: bocadillos de chocolate que se ía derretendo, e o mellor, de queixo con marmelo de cores. E chegar á casa, bañarse uns curmáns detrás dos outros, e cear unhas caramuxas que apañaramos nas rochas, olor a folla de loureiro, sabor a mar prendido dun alfinete.

Area de profe

Luz de auga

Texturas

Serea

6 thoughts on “Area de Bon

  1. ¡Ai¡ leo as túas palabras, vexo as fotos e, tamén eu, torno ás vellas fotos no faiado da miña memoria, Aqueles tempos en que, tanto ti, como as túas curmáns, erades aínda inmortais e logo o era eu tamén. Agora, 30 anos despois daqueles seráns en Area de Bon, xa tomei conciencia de que nada é para sempre. Grazas por me volveres á miña mocidade.

  2. Imaxino á avoa Rosa e con ela tráesme a imaxe tenra de miña avoa Dorinda. Alá, en Vila Suso, non tiñamos mar pero arrecendía a húmida terra, a herba recén cortada, a esfolla de millo madurado ao sol e a merendas de fariña de trigo.

    Os alfinetes servían pra me prender os mandís ao van mentres xogaba a ser ela no vertedoiro de pedra.

    Contigo, Ghalpon, voltaron aqueles días de cativa na aldea onde Dorinda, aínda que xa lonxe, sempre me espera.

    Graciñas!

    • Cos fíos da miña memoria que eu estendo, vós tecedes a vosa. Que marabilla! Moitas grazas e apertas milagreiras 😉

  3. Atopeite Ghalpon buscando ríos, e sorpréndesme con árbores cheas de imaxes florescentes. Gústame moito o teu blog.
    É así como se gardan os recordos, crecendo dende lonxe no campo xeneroso da memoria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s