Hai xa ben anos que aprendín unha palabra nova en Castroverde. Hai nomes para certos labores que só aparecen e se coñecen nos lugares onde se precisan. Por Castroverde non faltan castiñeiros, a miúdo ben grandes e vellos, en fermosos soutos que neste tempo de outono aparecen estrados de ourizos e castañas. Tanta fartura pide a súa palabra, e soutar é apañar castañas.
Lembro que unha das primeiras veces que fun soutar fíxeno en Soutomerille, igrexa abandonada de grande pasado histórico, rodeada destas árbores alimenticias con tanta importancia na toponimia, e pola que pasan moitos dos peregrinos que camiñan cara Santiago seguindo o Camiño Primitivo.
Agora só souto na miña casa, e iso tocou facer este domingo pasado. Grazas aos castiñeiros dos veciños que pingan no noso prado temos unha castañas grandes e boas para cocer, que tal como as amaña miña nai agardan no conxelador para acompañar en forma de puré o xabarín ou o corzo que ás veces temos a fortuna de papar. Un castiñeiro noviño, que plantamos ha de haber dez anos, dános castañas de parede, pequeniñas e doces, perfectas para asar.
Este ano nós non temos queixa, inda hai bastantes, pero tanta auga fixo que periguen de ser comidas polos vermes. Estes diíñas de sol han vir ben para secalas algo, escollelas e metelas ao conxelador, que hai moitas ideas para cociñalas e moitas gula para comelas.
As follas do outono comezan a caer. “Les feuilles mortes ” veñen á memoria musical e con Ives Montand as palabras e o amor en francés. Con Edith Piaf as follas mortas son follas de outono, e chegan as Autumn leaves de Nat King Cole. Só coa música dos seus instrumentos, de maneira maxistral, fálannos das follas do outono Cannonball Adderley, Miles Davis e Art Blakey.
Xandra,
Non coñecía a expresión “castañas de parede”. A que te refires exactamente? Ás castañas de peor calidade? É común na zona ou úsala ti por algo especial?
Polo que intúo, deben ser dun tamaño pequeno pero aproveitable, non coma as “bolercas”, que non se aproveitan.
Saúdos
Suso
Suso,
As castañas de parede son unha das razas que hai por aquí, pero creo que o nome é coñecido por toda Galiza e cando menos tamén polo Bierzo. Son unhas castañas pequeniñas, que destacan por ser moi saborosas e doces. O seu mediano-pequeno tamaño non é un demérito, porque así son as mellores para asar, porque se cociñan antes e non acaban facéndose secas ao comelas.
O castiñeiro de parede que nós temos mercámolo nun viveiro por terras de Abadín, pero uns amigos do Son mercaron outro en Pontevedra, así que a cousa estache bastante espallada. Das fotos que puxen no post, as primeiras son das castañas grandes para cocer e, a partir da foto do quitamerendas ou azafrán das meigas, todas son das de parede, incluído o caldeiro delas que apañamos nesa tarde e que carrexaron meus pais.
Das outras razas non che sei o nome nin sei distinguilas. Sóanme os nomes de longal, famosa ou negral, pero seica hai máis de 80 variedades. Agora seica van comercializarse algunhas co selo de “Castaña de Galicia“, pero castañas por Galicia hai de moitas razas e esta etiqueta sen máis é moi xenérica. Se a etiqueta levase tamén o nome da raza axudaríase a que este tipo de nomenclatura non se perdese por falta de uso. En fin, unha miseria máis para a nosa lingua…
Cando penso nas castañas, dáme por pensar no mal aproveitado que temos o rural e os seus produtos, cantas castañas e soutos quedan tan só para xabarís e esquíos, que saben ben mellor ca nós a riqueza que temos.
Bicos
Por unha parte decir que castañas e castiñeiros por Castroverde adiante non faltan. Persoalmente non se pode perder un os de Cellán de Calvos…
Por outra banda interesante reflexión a do último comentario, cantos productos se perden… amorodos, castañas… en cada época temos algo… se foramos quén de aproveitar e explotar esos recursos sin que saíran de aquí… tamén contribuiriamos a deter o avance da nosa cada vez máis miseria linguistica.
Que morriña, que desacougo, e que pouco se me ocorre para facer… para invertir as cousas. Será o sino dos galegos?
Pois o xabaril e o corzo están esperando na miña casa a que levedes un pouco.