Cogumelos

Escampou a chuvia, e agora toca ir na procura dun dos tesouros que abundan máis no outono: os cogumelos. Non entendo case nada de escollelos, coñezo tres ou catro doados de distinguir e comestibles, e a por eles vou. Son unha marabilla, e tamén unha escusa máis para gozar do paseo e mirar cousas, e tamén para estar coa xente. Desde hai uns anos son socia da Sociedade Micolóxica Lucus -é un orgullo dicilo porque dá gusto ver como traballan as persoas que forman parte dela (beizón especial para Julián e Jose)- e participei nalgunhas camiñadas organizadas por eles. A última á que fun formou parte das primeiras Xornadas de Micogastronomía, unha nova xoia ofrecida pola Sociedade, e a verdade é que eu non fixen máis que apañar cogumelos… coa cámara.

Dá gusto ver como se vai organizando a xente, como se fan grupiños, como se establece conversa entre persoas que non se coñecen: que se non hai moitas, que se eu non as distingo, que se estes outros anos había máis, que se onde está Julián que eu isto non sei se é un agaricus arvensis ou un xanthodermus, que se ti de onde vés ou onde vives, que se como te chamas.

Entre tanto humano aparecían outros habitantes, máis permanentes, das fermosas carballeiras do Corgo polas que andamos. O escarabello que sería envexa dunha xoia de René Lalique, o raposo da casa de cen portas, os cogumelos de mil formas, nomes e cores.

Aproveita estes días para achegarte aos bosques do outono, goce para a vista, o oído, o olfato e se cadra tamén o tacto. Goce tamén para o gusto, se temos a fortuna de dar co alimento, e se temos o sentidiño de asegurarnos ben de que non collemos o cogumelo errado.

O outono de Vivaldi.

4 thoughts on “Cogumelos

  1. A Carballeira – Paraíso dos sentidos

    É so entrar nunha carballeira e todos os nosos sentidos flúen de onde non sabiamos que se atopaban agochados.
    O sentido da vista énchese de pracer albiscando as imposibles cores dos cogomelos.
    O sentido do olfacto fainos estremecer cando percibe o cheiro a terra humida, ese cheiro profundo á verde Galicia.
    O sentido do gusto agradece o sabor doce do arando, recentemente collido das arandeiras que tapizan o chan do bosque.
    O sentido do oído entretense co bule-bule dos esquíos roendo nas landras.
    O sentido do tacto permítenos sentir coa man sobre a engurrada cortiza do carballo, todo o seu poder, toda a súa centenaria presenza, coma se latexara por dentro.
    E o sentidiño, que lonxe de ser diminutivo é o sentido máis grande, farannos gozar do paraíso dos sentidos, da Carballeira.

    Jose Castro

    • Jose, como se palpa o teu cariño polas carballeiras. Xa o supoñía ao verte traballar e andar polos montes, pero agora fixeches unha fermosa declaración de principios. É unha honra darche acollida no mundo Ghalpon. Apertas

  2. Ola de novo,
    estou impresionada e emocionada,
    levo un rato lendo, mirando e escoitando o teu blog… e estou moi emocionada,
    tocáchesme o coraçón, é dunha fermosura apabullante… as imáxenes, a música,
    e sabes? hoxe non tiven un bo día, pero voume deitar sentindo que a vida é maravillosa, que merece a pena vivila, escoitala, observala, sentila…
    grazas, de verdade, co coraçón, non te imaxinas como me emocionei co teu blog.

    • Non sei que dicir, Geluka, deixáchesme sen palabras. Agradézoche moito todo o que escribiches, para min é emocionante conectar desa maneira coa xente. Cando quen me le é unha persoa amiga, xa hai certos lazos que nos unen e nos fan entendernos, e as palabras que recibo reafirman un sentimento. Cando as palabras veñen dalguén que inda non coñezo, case quero velas como unha porta luminosa, chea de posibilidades e libre de prexuízos. Non sei, estou emocionada, moi emocionada, cos comentarios cos que tiveches a ben agasallarme.
      A música que tanto che gustou no post Dez anos é a BSO da película As pontes de Madison. Esta peza en concreto é a peza instrumental que acompaña toda a película e que foi composta por Lennie Niehaus e o propio Clint Eastwood.
      Bicos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s