Poñamos que falo de Madrid

Moito me gusta a cidade de Madrid. Ben sei que a miña imaxe está totalmente mediatizada polas razóns que me levaron a visitar esta cidade: case sempre por ocio e con ganas de ver algúns amigos e outras cousas, e que isto me leva a non ver (case) o Madrid que moita xente sofre. Xa había tempo que non ía, e esta fin de semana aló fomos, en principio con pouca máis idea cá de ir ver a exposición das bágoas de Eros na  Thyssen e a de Maíno no Prado. As exposicións mereceron moito a pena, e tamén as que o bo amigo Xoán Anllo me recomendou na Fundación Mafre: os retratos en Mirar e ser visto, a adorada Italia en Ver Italia e morrer, o delicado Nijinski na Danza das cores.

Exposicións e compras, e rastro e cañas, e a cidade tomada polos labregos,  e moito mirar para a xente (de novo o metro como lugar de contrastes, canto cambia a xente só con que collas o metro a diferentes horas, en diferentes estacións). E unha descuberta, un lugar que inda tiña ser coñecer: o parque do Retiro. Gocei moito coa luz, que outono máis bonito se ve en tódalas rúas con esas árbores altas con cores luminosas. As acacias espiñentas, os erbedeiros (é boa verdade que Madrid é boa terra para os madroños), as follas no chan. Luz, luz, luz. A luz que case deslumbra dentro do palacio de Cristal, gloriosa arquitectura de ferro.

Non levei a miña cámara habitual: a Nikon D80 que fai case tódalas fotos que vos ensino pesa cerca do quilo, e pareceume moita carga para andar de museos. No canto foi unha nikon pequeniña, grazas á que vos podo ensinar algo do que puiden ver. Despois das fotos poño tamén un pequeno vídeo gravado coa mesma cámara. Ten moi mala calidade, pero apetéceme que vexades o ambiente deste dominguiño no Retiro pois, como ben dí un bo  amigo meu, un domingo en Madrid é impagable.

Se penso en Madrid para escoller unha música, lembro unha canción escrita por Joaquín Sabina e Antonio Sánchez: Pongamos que hablo de Madrid. Eu coñecín a canción a través dunha cinta gravada que me pasou o Manolo Mel cando eu era pequena. Eu debía ter doce anos, e moito aprendín de música coas cousas que o Manolo me daba, e a cinta dese concerto de  Sabina e Viceversa soaba unha e outra vez. Esta é a versión que che poño aquí,  que inclúe un cambio na letra contra o final, unha reconciliación coa cidade que non estaba na versión gravada en estudo.

5 thoughts on “Poñamos que falo de Madrid

  1. Dende logo as fotos son luz, non sei, pero a Nikon pequeniña traballa ben contigo ó outro lado……un bico !

  2. Ola, Alex. Gustoume a túa visita a Madrid. A primeira vez que fun a esa cidade era un festivo (un de xaneiro) e a segunda, tamén cheguei nun domingo.
    Sempre me impresionan as túas miradas, con cada imaxe expresas tanto… E con Sabina de compaña, xenial!
    Moitas grazas compartires as túas visitas, unha vez máis.
    Bicos.

  3. mui boas fotos, pero co que non podo estar de acordo e coa boa imaxe que tes de madrid.
    Vivir alí durante un tempo faiche ver que aquela ‘vida’ non se parece en nada a vida de calquera aldea de galicia. Tráfico, estres, e o final acabas conveeténdote nun deles cando non podes esperar ao metro que pasa con frecuencias de 2 minutos… ir a traballar a distancias moi longas. En definitiva a calidade de vida non hai outra: vivamos como galego! Malo será que non vivamos mellor!

    • Tacho, a imaxe que teño de Madrid é a de domingueira ou paseante vacacional, e ben sei que como cidade pra vivir non me resultaría moi acolledora. Só fai falla ver as caras no metro a certas horas para darse conta diso, e as obras e o tráfico, e certos barrios que eu como visitante non visito. Eu só quixen mostrar esa imaxe agradable que para min tamén ten, mais para vivir concordo contigo, como Romeán ou calquera outra aldea hai poucos sitios, por moita carencia de internet e cobertura, e, e,… E como cidade, unha máis pequeniña, como Compostela ou mellor inda Pontevedra. En fin, a vivir o mellor posible onde temos o noso oquiño pra vivir. Pra min a combinación perfecta é o rural xunto con posibilidades pra ir de cando en cando na procura das cousas que ofrecen as cidades, sobre todo esas tan grandes coma Madrid.

Deixa unha resposta a Patricia x