Día perfecto

Día de descanso. Día de paseo. Coller o coche e camiñar pola outra banda do río. Valença do Minho, Vila Nova da Cerveira, Caminha. O río cheo vaise deitar ao mar e ao seu paso as insuas, a Illa dos Amores, a Boega, a un lado Tui e máis aló a Guarda, ao outro os veciños que visitamos nos días feriados. Escoitar, ulir, e comer. Andar camiños coñecidos e buscar camiños novos. Detrás da ventá chea de libros o Amândio ofrece gozoso xantar. Hai luces e palabras bonitas.

A alegría de estar ben, plena. E recoñecerte nos lugares que percorres, que xa son sitios que pertencen ao mapa da túa vida, ao amplo barrio que imos creando ao estar no mundo, onde os tendeiros fican marcados nun roteiro íntimo, e aquel sitio onde tomar un porto, e onde coller o xornal, e onde mercar azeitonas a granel.

Centos de galegos mercan o bacalhauzinho para o Nadal. O demo pasea pola igrexa manuelina. A cara na porta impulsa a chamar. A vía do tren é un punto de fuga. E a fuga foi de novo Portugal.

“La flor del pensamiento, la deshoja el viento”. Juan Perro, No más lágrimas.

“Menina dos olhos tristes o que tanto a faz chorar”. José Afonso, Menina dos olhos tristes.

5 thoughts on “Día perfecto

  1. Tamén hai luz, beleza e tenrura nas túas palabras, Ghalpon. As catro imaxes son evocadoras; pero, na miña opinión, a do tren contén tantas metáforas! A música tamén é perfecta. Conseguiches emocionarme no día de hoxe. Grazas.
    Unha aperta.

    • Concordo contigo, Harmonía, en que a foto das vías abre moitas posibilidades. Gústanme moito esas fotos que son unha e mil dependendo de quen as mire, como aquela túa da ventá do outro día. Grazas por emocionarte comigo.
      Incógnito, recordo que hai bastantes anos lin uns contos bastante xeitosos nos que ti tiñas algo que ver. Sácaos do caixón, que inda podes volver a eles e a min daríasme pé a acompañalos cunhas fotos. Bicos

  2. Contas tan ben ese día en Portugal que me acaban de entrar moitas gañas de ir alí pronto para ver, ulir, comer e gozar. Parabéns.

    • Miaumiau, que ben que che sirva de impulso para ir a Portugal. Goza moito da viaxe, que aquelo é cousa de moito alimento (e non só para o estómago).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s