Abidueiras

El chámalle bidueiro, eu chámolle abidueira. Bídalo, bido, bidueira, biduído, bodelo, budio… seica todos estes nomes ten.

Hai dúas abidueiras no camiño. Foi un camiño andado veces e veces, e alí ficaban as abidueiras. No valado entre prados verdes son dous calmos guieiros brancos, máis intensos no espido inverno. A preguiza e as présas fanme pasar por diante sen facer máis que mirar pra elas.

Son dúas, son unha. Dous troncos que se foron tecendo nunha soa copa. Abidueiras de inverno vestidas de malva espido. Míroas desde o coche, ó ir, ó volver. Desta vez achégome, chove, penso, levo a cámara, para Ghalpon, se me mollo tanto ten, se cadra non volvo, se cadra as cortan, se cadra.

Mereceu a pena a molladura e a lama nas botas. Recollín a brancura delas… delas. Pra min árbores femininas, pra ti se cadra masculinas. En fin, brancura e elegancia no valado, árbores que acompañan os camiños. Abidueiras infinitas.

Non sei ben como explicar certas conexións que se producen entre imaxes. Supoño que todo está na portada do disco Nebraska do meu querido Bruce. A foto tomada desde o coche, como eu vexo as abidueiras as máis das veces, o branco e negro espido, ou a pura sinxeleza e elegancia desta música, non sei. O caso é que as abidueiras de hoxe cantan Nebraska de Bruce.

7 thoughts on “Abidueiras

  1. Bonitas fotos é, coma sempre, fermosas palabras, Ghalpon. Vas ter que facer as fotos con xeolocalicazión. Seguro que hai moita xente que lle gustaría andar os camiños que andas coas retinas poboadas das túas imaxes.

  2. fermosos bidueiros.
    a segunda foto é grandiosa.
    semella unha vista aérea de algo.
    paisaxe nevada talvez.

  3. Beizón, Ghalpon! Pode que xa o esqueceses, pero déchesme varias clases para explicarme os nomes de moitas árbores, e as abidueiras sempre saían. Fai sitio na túa axenda para unha viaxe didáctica.

  4. Coma sempre achégasteme silandeira, sinxela pero elegante no andar e no ollar.

    Quedo coa terceira imaxe, coido que sabes por que.

    Parabéns Ghalpon!

  5. Ghalpón, eu que son da terra dos “bidos”, coma Cano, quero desta vez facerche unha pregunta técnica:

    Como demo consegues intercalar textos e fotos no blog? Eu quixen facelo no meu algunha vez e, faga o que faga, as fotos sempre mas coloca ó principio de todo, aínda que escriba antes o texto?

    Déixoche un poema que fala desa árbore:

    Naquel biduído dos bidos louzanos
    o paxaro sol non pía seus raios
    e morre de amor.

    Naquel biduído dos lanzales bidos
    o paxaro sol non criba seus píos
    e morre de amor.

    Non criba seus ritmos, non pousa seus raios
    e albean de frío os albres delgados
    e morren de amor.

    Non ceiba seus raios, non tece seus fíos
    e albres e mámoas albean de frío
    ca poldra que morde no mato cativo.
    (Bouza Brei)

    • Cantas cousas me propoñedes! A ver como fago para ir respondendo… Parece que as abidueiras son árbores exitosas entre vós, cousa da que me alegro moito. Dou as grazas coma sempre, e comezo.
      Incógnito, eu iso da xeolocalización non o controlo moito, por non dicir nada, e quixen buscar as coordenadas para acabarche dicindo: as dúas abidueiriñas que tanto deron que falar están na estrada de Lalín a Lugo, non moi lonxe da cidade do Deza, á man dereita logo de pasar un ramal á dereita cara a Veiga, por aquí no Googlemaps.
      Marra, a casca das árbores é un tema fotográfico que me chama desde hai moito tempo, e no das abidueiras tes razón, ben parece a nosa terra luguesa nestes días de neve. Moitas grazas polo de grandiosa, pero transmitireille o piropo á abidueira, que eu só lle dei cancha.
      Xosé, ben sabes que en canto teño ocasión me adico a falar das arboriñas, que moito me gustan e ademais os rapaces de agora (como me sae o ton…) non coñecen a maior parte delas, así que me boto fóra do currículo que me toca e a recoller follas para coñecer especies. Non esquecín esas “aulas” cun alumno ben aplicado. Haberá máis.
      Cano, forasteiro, forasteiro (parecemos personaxes do noso querido Clint Eastwood), ti tamén apuntas e tiras ben coas túas miradas ás árbores e temos en común a paixón polas abidueiras, que ben lembro algunha das túas esculturas e algunhas das nosas conversas. Seguiremos á procura delas.
      Lorena, déixasme un pouco intrigada coa túa escolla da imaxe. Xa falaremos ti mais eu…
      Suso, o poema… un pracer. E a consulta, imos ver. O meu blog está argallado en WordPress, e con este sistema é moi doado facer o que ti me dis. Dá moita calidade e posibilidades á hora de editar e xestionar post con fotos. O teu blog está en Blogger e eu con blogger só teño a experiencia dun blog que teño cos rapaces para as clases. En blogger resúltame máis complexo xestionar a maquetación das fotos, pero si que dei co xeito. Á hora de subir a foto tes que poñer que o deseño da imaxe sexa poñela á esquerda, segues escribindo e poñendo a outra foto tamén así… Logo no panel de redación do post, arrastra a foto a onde queiras colocala, cara abaixo. En principio funciona, non sei se é moi correcto o xeito, pero tamén che podo dicir que ás veces sufro para poder quitar algúns espazos que crea entre o texto e as fotos de maneira automática ou que me mova a foto sen que eu lle tope explicación. Pra min a conclusión é: viva o wordpress ;-).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s