E Zeus quixo que nevase…

Está Fernando na carballeira. Pensa, traballa, limpa, corta, mira, coloca. Tece e destece miradas. E no andar atopa cóncavos, carballeira donda e amable onde pousar camiño e facer niño.

Aniñamos. E no niño de Fernando estivemos neste domingo segundo de xaneiro.

A Zeus falámoslle días e días para que non chovese, para que os carballos deitasen as súas follas, para que trouxese un tempo bo que axudase a acoller os amigos.

E Zeus quixo que nevase, e tinguiu de branco as miradas de Fernando mentres os amigos quentaban o seu corazón.

Arte na veiga é a nova exposición de Fernando Cano. Podes ir vela na fermosa carballeira da Ponte, ao carón de Silleda collendo a estrada cara Laro e logo o desvío á esquerda cara Costoia e o pazo de Trasfontao, aquí. Entre tanta neve xuntámonos uns cantos para inaugurar e o Celsiño botounos un conto. Aquí tes o vídeo.

E xa que estamos no outono que nos propuxo Fernando, póñovos o vídeo doutra  súa proposta estacional. Daquela foi na primavera, o tres de abril, e fomos ata o Candán para buscar mimosas… e atopamos toxos.

Pídovos desculpas pola calidade dos vídeos. Non se me dá moi ben o proceso de exportación final, nin controlo tampouco o feito de subilos á rede, e o que no programa de edición parece correcto despois queda cunha calidade que non me convence nada, nada. Vou ter que tomar unhas clases…

5 thoughts on “E Zeus quixo que nevase…

  1. Perfecto, miña querida Ghalpon.
    Deixástesme abraiada,
    arte, fotografía, vídeo… palabras, árbores, neve, música…
    Paisaxes para cubrirnos de tempo inmóbil,
    calmo e maravilloso.

  2. Bos días, alégrame que che gustara, Anátida, e gracísimas a ti tamén, Alex.
    Un amigo deixoume unha carta-agasallo “anónima” na carballeira que moito me gustou, e nesta ocasión apetéceme compartila con vós, di máis ou menos así:

    Quinta feira – 14 do Janeiro- ano 2010.
    A continuidade do tempo, o seu fluir coas pucharcas na memoria, os remuiños vitais sen repouso, as ausas fictícias e os abeiros efémeros, ante este dinámico e imparábel fluir temporal- certos recoveos, lagoas da memória -orde e anarquía- mas sober de tudo o fluir, o eterno fluir (quizaves em círculo, como eterno retorno, onde de “novo” tudo, tudo se repete)
    Fermoso instante “estantío”.
    Em Costoia (Carvalheira da ponte- rio da Gouxa).

    P.S. E as obras… que “GUAPÍSIMAS” as quitaches, Alex, coma nas vodas de antes…

  3. Que carta! Madia leva a gustarche! Grazas por compartila…
    As obras non as saquei guapísimas, Fernando, SON guapísimas.
    Bicos de carballeira

  4. pareceume moi entrañable o vídeo (xa che estiven vendo outros que tés na pax. de vimeo)
    Eu de arte non entendo moito, pero se me explican a intención do artista, son entusiamosme moi fácilmente. 🙂
    E resulta que o concello onde eu nacín é Silleda! claro que coñezo pouco porque crieime de nena ´nunha aldeiña que non tiña nin carretera (agora está fendida por decenas delas e pola ía do AVE) e despois trouxéronme para a Coruña, pero ía de vacacións na adolescencia. Na miña vida de adulta non vou moito por alá, (por circunstancias). Pero será a edade, que últimamente, cada vez máis, tírame coñecer máis daquela terra fora das fronteiras da miña infancia que se reducían á parroquia e algunha outra das do arredor…

  5. A arte hai que sentila máis que entendela, creo, pero ben é certo que algunhas explicacións non sobran… A min gústame moito como explica Celsiño a land art no vídeo: unha maneira de suliñar a natureza, aí o artista fai que lle abramos os ollos a cousas aparentemente invisibles, invisibles na nosa maneira de vivir.
    A verdade é que é boa casualidade que naceras en Silleda, mira ti. Eu, que nacín en Cangas do Morrazo case por resistencia, pode dicirse que son de Lugo por moita marca que me deixasen uns aniños da última infancia polo mar de Corcubión. Teño por Silleda un cariño especial desde que fun parar aló no 2006 por causa do traballo, paseei moito a cámara por esas terras e gocei moito coa súa xente. Agardo poder seguir facéndoo e de cando en cando deixar imaxe dese camiñar nesta ventá virtual. Se cadra inda coincidimos algunha corredoira 😉
    Bicos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s