Lingua para amar

Se me faltases, meu amor, non volvería dicir bendito sexa o ano, nin terra verde e mar de orballo, nin leda dos amores, dos amores leda. Se ti me faltases, non falaría conversa, millo, vizoso ou afondar… non falaría aloumiño, recordo, bolboreta, aperta nin namorar.

Se me faltases ti, meu amor, doce lingua. Se me faltase o teu falar.

O galego amámolo, mastigámolo, roémolo, mamámolo, sentímolo moitos de nós. E toca defendelo novamente, así que mañá estaremos en Compostela máis unha vez. Contra eles, contra todos eles. Imbéciles e escuros. Ignorantes.

Pode parecer un recurso doado mais, diante das continuas agresións que sofre a nosa lingua, volvo unha e outra vez á nosa literatura. E outra vez acabo nas cantigas medievais, así que onte retomei unha idea que levaba no caixón meses e que por fin puiden botar a andar. Quero que bailedes comigo debaixo das abelairas floridas, miñas amigas, meus amigos. As abelairas florean no frío inverno, xa chegou o tempo.

O baile vai con dedicatoria especial para X.L. M. Ferrín, que seica tivo unha vez unha conversa con meu pai que deu pé a esta idea. Velaquí as flores das abelairas, camarada.


22 thoughts on “Lingua para amar

  1. Tes unha sensibilidade especial, ás veces bailas coas palabras, ás veces falas coas imaxes, o teu blogue consegue que de cando en vez teña ganas de chorar…de ledicia. O video que colgaches é fermosísimo, non sei se o fixeches ti. Se houbera que defender dalgún xeito a nosa tan amada lingua, sen dúbida este sería o mellor. Porque máis importante que as leis, ou os decretos, é o amor que sintamos polo noso, pola nosa cultura, a nosa lingua, máxima representante.
    Hoxe, cando teña un anaco de tempo, e se non che importa, vou colgar o video que puxeches no teu blogue, e non te preocupes, que farei unha boa mención á túa bitácora.
    Por certo, aínda que non adoito comentar moito no teu blogue, sempre estou atento as túas actualizacións 😉 Moi bo traballo!
    Un saúdo!

  2. Pois si que fixen eu o vídeo, Luis, para ben ou para mal ;-). Moitas grazas polas túas palabras, que cousa bonita! Usa o vídeo a vontade, é un pracer que o uses, para iso o fixen, para que gocedes, para que pensedes, para que sintades, e eu con vós. Saúdos.

  3. Pingback: Galego, patrimonio de todos « A Eiriña de Pedra

  4. O amor é un sentimento. Moi fermoso, por certo.
    A ignorancia é un estado. Nalgúns casos, permanente e impermeable.

  5. Língua para amar.
    Fermosa.
    Fermosas avelairas.
    Fermoso video.
    Fermosa língua.
    Língua para armar.

    • Inda estou coa resaca do grande día de onte, pola mañá a manifestación e pola tarde-noite un encontro glorioso sobre a poesía e o agro galego. Inda estou abalada co valo de Manselle na voz de Xabier Xil Xardón…

      E por riba teño o pracer de lle dar a benvida a Paideleo (como A muller argallante deste blogue), e de novo a Luis, que tivo a ben difundir o meu pequeno vídeo no seu espazo, ao igual que o Marra
      Bicos pra todos. E vou dicir máis, bicos (con lingua galega)

  6. Alex: o texto e o video son fermosísimos pero…, sen ánimo de amolar, esas son abelairas?, onde hai deses abeláns, como lle nós decemos? Vexo que pos que son de Romeán, da Marisol. Algúnha desa pedra xa se me facía familiar. Fixeches algo para o que non hai palabras. Moitas grazas.

  7. Recoñeciches ben esas pedras, Anxo, unhas son da casa de meus pais, outras da miña palleira. A abelaira da Marisol está por riba da nosa aira e marca as estacións desde a miña ventá grande. En cada tempo deita no chan follas, candeas (as flores da cantiga) e unhas abelás riquísimas das que só podo criticar a súa escaseza. Beizón polas túas palabras, Anxo, e beizón polo valo, polo liño…

  8. Entón, as abelairas teñen flores, candeas!!! E pódese bailar so-los seus ramos frolidos, como bailache tu coa cámara cara o ceo de Romeán!!! As abelairas, os abeláns que eu coñezo non son así. Vou procurar miralos estes días, por lle ve-la candea. Porque as imaxes son de agora, son destes días, non si Alex? Creo que o teu vídeo lle desmonta unha teoría ó xefe dun xeito ben fermoso e ilustrado! Bicos e, máis outra vez, grazas.

  9. Pois si! Claro que podemos bailar debaixo das súas flores, meu amigo 😉
    Hai dúas árbores caducifolias que creo que teñen o seu máximo esplendor na paisaxe de inverno. Unhas son as abidueiras, pola casca branca da que xa vos teño falado, e outras as abelairas polas súas candeas douradiñas. As imaxes graveinas o día 19 deste mes, e vin bastantes abelairas así floreadas de camiño a Compostela para ir á manifestación. Se cadra están máis adiantadas pola túa terra, pero flor teñen que ter, se cadra non atopas ningunha con tal espectáculo florido como ten a da Marisol, que eu escollinvos a máis guapa da contorna, pero no tempo de decembro e xaneiro, cando case máis ningunha flor hai, temos as das abelairas. O xefe vai ter que vir velas… que logo heino sacar a bailar. Bicos.

  10. Alex, mañá mesmo, porque destas horas é unha temeridade, vou ve-las abeleiras que coñezo en Vigo. Xa che contarei. Estou emocionado co tema. Bicos.
    PD. Tamén en pleno inverno as árbores de boa flor son as amendoeiras. Eu teño unha na horta, pero aínda é moi cativa.

  11. Vai si, e xa contarás que tal che foi (baile incluído). As amendoeiras deben ser gloriosas, eu só vin floreada unha non moi vella unha vez no Barco de Valdeorras, nunha das viaxadas para ir polo viño novo do noso amigo Careca. En Romeán as amendoeiras non se dan, que as xeadas son moi duras…
    Bicos

  12. Non quixera eu botar a perder a fermosura deste post, tanto polo texto coma polo vídeo, pero eu tamén creo que as imaxes non son de “abelaneiras” senón de “abeneiros”. O nome soa parecido pero é distinta árbore. Non dicía nada porque non o vexo claro nas imaxes, pero ó ler a Anxo, atrévome. Evidentemente, tampouco o afirmo, que como xa dixen noutras ocasións, sei eu pouco de plantas que non se comen.

    Con todo, insisto: fermoso texto, fermoso vídeo, fermosas imaxes, como ti nos tes acostumados.
    Bicos
    Suso

    • Pois case me despistas, Suso, co nome de abeneiro porque non o tiña oído. Ai, ai, ai… fiádevos de min, que sei bastante de arboriñas, que é un vicio familiar herdado, e tampouco faría o post se non estivese segura.
      Grazas, Marra, pola túa documentada aclaración. Eu vou engadir unha cousiña: os amentos masculinos dos ameneiros (aos que nós lles chamamos candeas), sonvos bastante máis leñosos e ásperos que os das abelairas, e son dun verde intenso primeiro e ao madurar son castaños e duros. Os das abelairas, como podedes ver na foto e nalgunha imaxe do vídeo, son máis mareliños ao estaren verdes, e inda máis ao madurar e abrir, e delicados e con lindo movemento se hai un pouco vento que os mova. Por iso vexo eu mellor recurso poético bailar baixo as abelairas que baixo os ameneiros, ademais de que se un quere bailar so os ameneiros ten bo risco de mollar os pés ou caer no río, que son árbores que gozan das ribeiras máis que as abelairas.

  13. Si, Alex!!!! Non podía crelo!!!
    Tes toda a razón do mundo. Si, si que se pode bailar debaixo das “avelaneiras frolidas”. E eu veño de facelo aquí mesmo na Lagoeira, como lle eu chamo ó territorio bravo da Universidade de Vigo. Foi unha casualidade que me acompañase un experto en literatura medieval, Bieito Arias, colega e amigo. Alex, si!!! Os abeneiros ou ameneiros ou amieiros teñen unha flor, unha candea moi pouco atractiva. Estas das abeleiras (ou dos abeláns) son amareliñas. Na árbore, de varias ponlas, arbustiva, agora mesmo están só as froles, as candeas, penduradas entre as ponlas. Fixen fotos inspirándome no teu vídeo, Alex, co meu móbil. Á noite, cando poida baixalas do aparello, mándochas. Bieito levoume despois do xantar a dar unha volta por un camiño estrado de follas secas, con poza, regato e diverso arboredo caducifolio. E si, vinas. As amigas aínda están, aínda están alí, nesta tarde de norte e leste duro, entre os cabalos bravos e o espello inmenso do galiñeiro ollando o mar.
    Grazas, Alex. Non vou esquecer esta tarde.
    Bicos.

  14. Quen me mandaría a min falar do que non entendo! O meu son as leitugas (plantadas en maceta na terraza, como ben sabe alguén que tamén te le). Desculpa a metedura de zoca.

    Retiro o dos abeneiros. Está ben claro que son… CARBALLOS!

    Vale, vale, … xa boto a correr antes de que me acantacedes. 🙂

    Bicos
    Suso

    • Que emoción compartir a túa primeira experiencia bailando debaixo das abelairas, Anxo! As fotos que me mandaches son ben fermosas. Que día máis frolido tiveches. Ai, Susiño, que bo, que bo! Bicos

  15. Pingback: LÍNGUA – Mesón do Forno

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s