É boa verdade que os galegos afrontamos algúns dos nosos problemas con humor. Cando menos é o que me pareceu ao ver algunhas das pancartas e lemas que encheron Compostela o día 21. Xa ía sendo hora de que puxera as fotos da manifestación…
Unha das cousas máis divertidas e ben feitas que vin (oín) na defensa da lingua é a intervención poética trilingüe que fixo Celso Álvarez Cáccamo co poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado frente ao mar”. Déixovo-lo enlace aquí.
A manifestación deu comezo a un fermoso día en Compostela. Ademais de xuntanzas de protesta, as manifestacións tamén me acaban dando como agasallo ver amigos e parolar. Os locais composteláns enchéronse de xente totalmente identificada, de pegatas, bandeiras e pancartas. O día remateino nun acto literario en defensa do agro galego. Moitas emocións se xuntaron, moitas palabras e cantares. A min inda me resoa o Valo de Manselle na voz de Xabier Xil Xardón… Lede poesía, lede, sentide e mastigade.
Preciosas imaxes. Eu desta vez non fun a Santiago e espero non ter que ir nunca por este motivo.
Grazas, Paideleo, ogallá non tiveramos que volver por esa razón…
Irei un día do Caurel a Compostela por terras liberadas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inútil!
Uxío Novoneyra