Desancorarei. Volverei navegar.
Vestirei velas de novo, velas que se chaman coma tal Anxo e Lorena. Beizóns… Alento e vento morno e ganas de camiñar adiante. E non teño barco nin mariñeira que me leve, mais o mar pónseme diante dos ollos intenso. O mar. Navegarei polas cores, polas pedras e polas madeiras, polos prados verdes e as terras ocres. Azul. Azul de madeira pintada que conta historias vellas e acolle vidas que non coñezo. Ronsel de desgaste, de fendas e nós. Ronsel de nosoutros. Ronsel de vós.
Unha canción que me move como as ondas e me abala como as treboadas… Inmensa. R.E.M. Everybody hurts.
Navegarei nesa hora en que o sol, xa vencido pola lúa, esconde a súa vergoña na liña infinda do horizonte, incendiando o mar de ouro vello.
-Pero a nosa viaxe, tanta singradura, serviu para algo ou non?
-Tódalas viaxes serven. A ti serviuche?
-A min? Para min todo foi aprender. Pero que máis teño eu? Serviu para a resistencia, si ou non?
-Axudamos e fixemos todo o que puidemos. O noso barco sementou o mar e mailo río de foulas.
-Pero son foulas de esperanza?
-Non son tamén de esperanza as foulas que enchen o panel do teu corazón?