Cucos

Cando era pequena andaba moito polas terras chairegas. Meus avós fornecéronme algúns dos meus mellores recordos (algún xa o teño contado por aquí), algunhas das miñas maneiras e moitas das miñas palabras. Ir cocer á casa vella con miña avoa é un recordo gravado a lume intenso en tódolos sentidos: o son de meter a leña para roxar o forno, da auga no vertedeiro de pedra, da forza de miña avoa amasando na artesa; o tacto da masa, das verzas pra poñer as pezas a cocer na pedra quente, do mantelo da miña avoa. O olor do sarrio na lareira, do pan que se vai facendo, do bolo de rato que agocha o chourizo. A visión do roxo que quence os ollos e os fai chorar de expectación.

E o camiño. O camiño da casa nova á casa vella, ás veces andado e ás veces na carretilla se non había cousas que traer nela. Desde o camiño, prados e prados, e nalgúns deles as floriñas que tanto me gustan desde sempre, ben o sabedes.

Agora que a vida me trouxo de novo á Terra Cha de cotío, no ir e vir da casa en Romeán ao traballo en Vilalba reparei estes días nunhas daquelas flores. Flores mareliñas que se chaman cucos, que medran en prados mollados. Cucos que as vellas apañan e atan con xuncos para ir vender á praza a Lugo cos queixos ou os cimos.

Onte apañei unhas fotos para vós, e unha ducia de cuquiños para a miña mamá, que me agardaba co xantar mentres eu calzaba as catiuscas e devanaba pola Terra Cha.

Mentres eu andaba por Roás, outra nena andaba por Cira. A música de hoxe vai por ela, é Time after time, da Cyndie Lauper, inda que na versión da Eva Cassidy que me acompaña estes días. You will find me… miña amiga, entre as dúas levaremos mellor a nosa maleta de memorias.

2 thoughts on “Cucos

  1. chámanlle cucos ós narcisos na Terra Cha? -a mín paréceme que na miña aldea (por terras de Trasdeza) cada un chámalle como lle parece- eu aprendín o nome nun libro de texto, cando tiven curiosidade pola lenda de Narciso.

    sentin un buraquiño no peito cando lin que levaras unha ducia para a túa nai, que te esperaba para xantar. é algo que a min xa nunca me pasará, e ainda despois de anos, sinto nostalxia…

  2. Chámanlles si, inda que son os dunha caste pequeniña, son moi abondosos en certo tempo e este ano, debe ser por tanta auga que caeu, había moitos prados cheos deles.
    As nais son unha grande referencia sempre, hai que coidar a relación que temos con elas… A túa nostalxia é mostra de amor, e a través da memoria e o amor segues a ter relación con ela.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s