– Xa descubrín por que me gustan tanto os vimbios. -Si? E logo? -Son uns supervivintes… córtalos e pasan tres meses… espétalos e arraigan. Gústalles a vida. -… -Gústalles a vida, como a min. -… -E como a ti.
No Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo, no Centro de Cestería no paseo do río Rato, organizaron de novo este ano o curso de construcción con vimbio vivo, impartido por Joan Farré. Espetan os vimbios e vanos levando e entretecéndoos con outros mortos, ou con talas, creando estancias, bancos, valados que cobren camiños. Non puiden ir ao curso por causa do traballo, pero fun espreitar varias veces e gozar das creacións doutros anos que xa medraron e están asentadas. As fotos fíxenas daquela, ha de haber un mes. Na semana pasada vin que xa empezan a agromar. Cando a folla abra e faga sombra e luces e cor volverei retratalos e ensinalos. Se pasas por Lugo recoméndoche acudir ao espectáculo.
Tece e destece.
Tecidos que de vivos medran e soldan e se fan mestos e xunguen forzas.
E, coma sempre, achegueime á trastenda. Dentro do fermoso edificio do Centro de Cestería unha ampla colección de cestos e cestas e outros enxeños e o que máis me gustou: o taller, as ferramentas e a materia. A materia que agarda a ser outra, a que a reconstrúan, a que a tezan.
Xenial, fabulosas imaxes menina de olar fermoso.
Moitas grazas, Anátida, por estar sempre aí e por dicir esas cousas bonitas que espertan o sorriso inda que estea preguiceiro.