A miña familia e outros animais, un libro dos meus favoritos e un tema recurrente no meu blog. Xa vos teño falado dos nosos gatos, a verdade é que temos predilección por esta caste de animaliños, e can non temos. Inda así, teño por amigo un can que vive con Reme e Emeterio. Chámase Bruno e sempre está contento de saudarme cando vou por Marcelle.
Bruno é un tipo de costumes. Controla o seu territorio e busca compaña e compañeiros de xogos. Con tanto percorrido xa ten establecido o seu camiño. É boa verdade que se fai camiño ao andar, ou no caso de Bruno ao correr. Dá gusto velo pasar coma un raio, curvando con tino e marcando a terra cun camiño estreito da súa propiedade particular.
Bruno vive nunha illa de amizade, nunha casa fermosa chea de palabras amigas. Cando lle fixen as fotos andabamos no outono, e mirando tanta vida retratei algúns dos seus froitos.
Querida amiga ti xa sabes que os cans non me gustan moito, pero a verdade e que este si que me engaiola, esa segunda foto é ben bonita, enmeigador! je je.
Tal como describes o sitio, será un magnífico lugar para unha familia Durrell.
Que pena non poder ser un pequeno para xogar por ese carreiro con Bruno!
É todo un conquistador! Quen fose nena, quen!