Escuridade

A voz amiga dime o que non quero oír. O amigo marchou e o primeiro impulso é pechar os ollos, pechar calquera fenda pola que poidan escapar os recordos, as voces, os momentos compartidos.

E teño que facelo. Teño que pechar os ollos e na escuridade fixar imaxes que foron e que non han volver ser. Fixar nas tempas, colocar tras das pálpebras, traspadear a trabe de recordos con cada imaxe, con cada palabra, con cada idea.

Toñito de Gómez era conversa e sorriso. Ganas de estar coa xente, escoitar e ser escoitado. Saber. Saber variado. Era carpentaría, subela, cepillo, rastrel, falleba, martelo, serrín. Carballo ou castiñeiro. Era caza, escopeta, corzo ou cabra, xabaril, cans e chaleco. Toñito era Castroverde. Lugares, parroquias, soutos e camiños. Xente. Gómez era un carpenteiro de soños, habíase rir se mo chegase a oír dicir. Construía con madeira as nosas ideas. Artesa, banco, porta, escano… casas que son sendo el, espazos nos que está Gómez.

E teño a Gómez na porta da casa de meus pais, nas súas ventás, no piso e nas escaleiras. E teño a Gómez en cada xabaril que sinta, vexa ou coma, e no corzo que saudei onte no camiño. E teño a Gómez nas miñas contras inda sen pintar, que son coma as ás das ventás, ás que se pregan na escuridade para fixar no meu fogar o meu vivir e recordar, para selar o barco no que tezo os meus soños, que deixa un porto máis onde ancorar cabo de Gómez en Castroverde.

8 thoughts on “Escuridade

  1. Decatámonos de que o tempo pasa cando seres queridos marchan. Algúns afortunados coma o teu amigo marcharon pero seguen a vivir nas lembranzas e mesmo nos soños daqueles que os coñeceron e os amaron. Non é pouco mérito porque, sendo asi, as súas vidas non estiveron baleiras. Cada un dos que se vai deixanos máis orfos e un por forza ten que pararse a pensar sobre a propia vida e a semente que deixa nela.

  2. Toñito estara sorrindo sempre cando nos vexa a todos xuntos,ahora si que sabe cantos amigos ten,e canto o queremos todos,unha persoa inolvidable.

    • Ás veces non sei ben que responder aos comentarios. Desta volta só vou dicir que os agradezo moito. Bicos para todos, en especial para Incógnito, ben sabe el por que.

  3. Eu estaba esperando a ter máis forzas para contestarche a esta entrada tan bonita, pero me parece que aínda vou tardar en telas.
    So podo darche as grazas, mil grazas, a ti e a túa familia.
    Un dos últimos momentos bonitos que recordo de meu pai foi o libro de teu pai… que emoción sentiu, e que emoción nos fixo sentir a nos.
    Bicos os catro

  4. As forzas irán vindo e gañarase serenidade a forza de tanta dor. Bicos pra ti, bicos pra vós.

  5. Pingback: Chamo por vós | Alex Ghalpon

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s