Futuro

Hai tempo díxome seu pai: si… moita foto, moita foto, moi bonito, pero no blog da madriña non saio eu! Eu vou para a cama!

Este neno dáme moitas alegrías, gargalladas e suores cando estou con el. Seguro que non lle vai gustar moito a foto que escollín poñer, non se ve o guapo que é, pero para min significa moito: o paso do tempo, a velocidade coa que este meu afillado vai medrando e eu perdendo o seu ritmo, o desdebuxado do futuro pero a alegría con que o afrontamos, el e máis eu, sobre todo cando lle miro os seus ollos.

 

Estes días de atrás un que fala moito do seu neno deume unha grande alegría. Tivo a ben o pai do Leo, fermosa entente cordiale de pai e fillo, darme un premio polo meu blog. Alí estou entre os dez escollidos, a agora tocaríame facer o propio a min. Resúltame moi complicada a escolla, calquera dos blogs que inclúo no meu mundo arredor son merecedores del. Seguro que ademais algúns xa recibiron o premio por outra persoa… O caso é que me sinto incapaz de escoller, para todos eles vai.

A verdade é que ultimamente tiven que deixar un pouco de lado a miña presenza blogueira, levo un tempo en que o corpo non responde coma debese. Parece coma se tivese que pagar rendas, as rendas como nos foros medievais aos que tanto tempo lles adiquei outrora, por San Xoán de xuño estiven no hospital cun ril eivado, por San Miguel de setembro, o das uvas maduras, sei ben o que é andar só cun pé, e a cantidade de trabas que se lle poñen a un diante cunhas muletas. Mentres tanto, agardo que San Martiño de novembro veña máis lixeiro. Haberá que lle poñer unha vela a este San Froilán chuviñento…

E a internet.

Vivo nunha aldea a dez quilómetros de Lugo, o teléfono fixo non ten posibilidade de conexión a internet e, como non, apenas hai cobertura nin dunha compañía nin doutra, así que nin falar dunha conexión a través do móbil. Creba dixital, si, entre o rural e o urbano. É complicado facer seguimento dos meus blogs de referencia, e moi complicado ser Ghalpon na web. No traballo si que teño, mais no traballo hai traballo, e ademais agora nin podo ir ao traballo… De cando en cando vou a un ciber ou a unha biblioteca, ou aproveito na casa dalgún amigo, e desde que ando coa pata quebrada dependo de que alguén me leve dun lado a outro, así que así están as cousas. E tamén hai que ter o punto. E cando teño o punto non teño internet, e cando teño internet non teño o punto.

Teño moitas fotos e imaxes na memoria. Irán chegando aquí pouco a pouco. Hoxe vai esta do futuro, e non está demais falar de futuro neste 7 de outubro no que Ghalpon cumpre dous anos de blog.

8 thoughts on “Futuro

  1. Espero que eses problemiñas de saúde pasen pronto e poidas acompañarnos a recoller algúns cogomelos este outono.

    Unha aperta

  2. ¡Ala, ala! ¡Véxote un pouco mimosiña!, tes que responder con humor, e sacar esas estupendas fotos que fas dende a perspectiva da perna escaiolada, sobre todo cando seguramente a escaiola fai resaltar inda máis as fermosas patolas que tes.
    En canto a internet, xa sabes que creo que estamos demasiado atados a el e que, como co café, é mellor desintoxicarse de vez en cando. Así que síntete afortunada de vivir onde vives, pois así podes escoller ir ou non ir a un ciber. Tomar café ou té.
    Gústame o teu afillado, ¡Vaia trasniño!

    ¡E por riba de todo quero verte alegre! E compartindo con nos eses mundos feiticeiros que tu atopas.
    ¡Moitísimos mimiños bela!

  3. Xandra,

    Sinto ben que todos eses santos que citas non estean da túa parte máis ca para eivarte. Recupérate pronto, cóidate, cóidate e segue deleitándonos cos teus textos, coas túas fotos e coas túas escollas musicais, que aínda que tamén eu teña a blogosfera algo esquecida, polo teu sitio paso de vez en cando e sempre gozo, aínda que non che deixe comentarios.
    Unha aperta.
    Suso

  4. E tamén outra cousiña que eu ben sei, moito máis precenteira, pero que non vou descubrir aqui. Nunca fun un “chivato”. Bicos

  5. Eu de tí, pasaba dos santos todos do calendario! de san xoan, de san miguel, de san martiño… non parece que te teñan en estima 🙂

    sinto o da túa perna, xa sabes o refrán, espero que non cha partiran, raio! perdoa a broma, pero disfruta da liberdade que da non poder facer nada! 🙂
    hai pouco unha amiga blogueira pasou o verán completo coa tíbia e o peroné quebrados, e facía tantas cousas que non lle chegaba o tempo a nada!, todas no sofá 🙂
    admirable.
    asi que da conta de lecturas, fai cousas con imaxes, -para iso non precisas internet-, escribe escribe escribe (xa o publicarás), aprende a tocar algo -me reféría a un instrumento musical, jaja-
    bueno, Ghalpon, mellorías, e felicidades por ese afillado, e tamén polo aniversario do blog, of course!

  6. Hola, gustame moito que por fin me incluiras no teu blog e claro que si, que teño fotos nas que saio mais guapo, asi pensan que son un trasniño.Temos que vernos que xa vai tempo, moitos bicos

    • Ai, rapás! Non disimules, que cara de trasniño tes en tódalas fotos! Vémonos pronto, xa verás. Moitos bicos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s