Caligrafía do amor

Hoxe quixen (ou tiven) que pensar na caligrafía que recoñezo e que non volverá escribirme. Supoño que non. E mentres escribo isto penso ben e doume conta de que non me queda nada escrito en papel daqueles tres anos que compartimos, só unha nota de traballo del que eu gardei porque me enchía o peito de emoción ó ver a súa letra, e unha nota que me deixou un día cando marchou da casa despois de min.

E os recordos van e veñen como as ondas e traballan na area da memoria, e ás veces unha foto, ou o título dunha película nun DVD pirateado producen tanta dor, tanta dor.

E pra afondar na dor escoito esta canción, Slow motion, de David Gray. Canto amei (n)o tempo que a escoitei, cantos camiños andei, cantas esperanzas tiven, cantos sorrisos busquei.

 

6 thoughts on “Caligrafía do amor

  1. Afonda neses sucos de boas lembranzas e, aínda que polo camiño caian bágoas, fica só coa ledicia, as esperanzas e os sorrisos. Afasta a dor, miña Ghalpon.

    Busca novos caligramas de amor, seguro que os hai e ben fermosos.

  2. Quen ía supoñer que recoñecer unha caligrafía che ía causar dor!. Máis fácil supoñer que terías tantos pepeis escritos con ela como tí quixeras. Papeis para empapelar un cuarto!

    Ai, mira que ir afondar na dor a través dunha canción!… a nosa vea masoquista que regusto atopa nas cancións, atmósferas nas que aturdidas entre bretemas de recordos é doado deitarse sobre a pel do mundo… eses recordos sempre travestidos, sempre transformados.

    Pero tamén nas cancións respiramos éteres deliciosos que nos emborrachan ata desmaiarnos na delicia.

    Unha aperta fonda, querida Ghalpon.

  3. A dor é coma a auga dun rio. Chega e móllanos, pero logo hai que deixala seguir o seu camiño. Non fagamos encoros para afondar nela, porque só conseguiremos que nos manque, e podemos afogar. Sei de que falas.
    A foto, puritita expresión.

  4. Volvo duns días out e atópovos aí, e facédesme respirar fondo e sentirme feliz, descansada nunhas almofadas de comprensión e amizade.
    Incógnito, estranhava-te mesmo muito, abraço grande.
    Humphrey, tiñas que estar comigo máis veces, como estiveche con Woody nas súas memorias dun seductor, por aí vas mal, nena… xa mo parecía a min, xa, 😉
    Lorena bonita, buscarei, pero ben sabes que é difícil quedar só co bo cando inda latexa o complicado, se non sentise… mais inda non estou anestesiada dese recordo.
    Zeltia querida, de súpeto vin aí a imaxe e cantas cousas… e o que para unha é luz para outra é sombra, ou cando menos claroescuro (adoro Caravaggio…), e a música é coma o sal na comida, pura potencia de sabor.
    Marra, os encoros son sitios que me dan medo, inquédanme, procurarei que a auga corra, que nadar non é algo que domine, e quero facer pé.
    Pequena explicación: o venres naveguei un pouco polos sitios que me acompañan, tropecei cunha imaxe e case caio. É raro que escriba e publique un post “en tempo real”, case sempre repousan no pendrive, van da casa ó IES, ó ciber, á casa dos amigos… e algúns pérdense, medran ou reben ou perden sentido… Esta caligrafía do amor superou a miña propia censura, pra ben ou pra mal, e case non me arrepinto, pois viva estou e son animal de sentimentos, e polo de agora vounos resistindo e termando deles, iso si, cos andamios que por veces a amizade me achega pra non caer.
    Bicos a todos, de verdá de la buena

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s