Hai tempo que só falamos por teléfono. Ríos de palabras de amigos que se botan de menos e se poñen ó día e abren novas frontes de diálogo, e reabren as vellas cada vez que estrañan aquel tempo dos paseos por cerca daquelas outras casas, dos fogares que foron.
Na penúltima conversa a amizade tornouse tema, e coa melancolía dunha outra amizade perdida, el dixo:
–Sabes que a el tamén lle gusta Sam Peckinpah, o director de western que se critica por tanta violencia. Violencia. Peckinpah dicía que a maior violencia era darlle as costas a un amigo.
Era darlle as costas a un amigo.
A aperta forma parte dunha instalación-graffiti dos Gêmeos que vin no Centro Cultural de Belem (Lisboa), no Museu Coleção Berardo, o ano pasado. Estes dous graffiteiros, nados en São Paulo, parécenme boísimos. No youtube hai varios vídeos sobre eles, por exemplo este.
De ter que elixir unha caricia, só unha.
De ter que elixir unha forma de expresar o meu afecto, so unha.
Sería unha aperta. Longa. Fonda. Calada.
O Edelmiro, por pragmatismo, ten unha certa tendencia ás apertas. Pero a súa vocación violenta non hai quen lla quite. Bipolar quizais? Máis ben deixado.
Eu tamén elixiría a aperta, esa aperta fonda que fai que compartamos latexos.
Sobre a violencia, que lle diría eu que vosté non saiba, don Edelmiro, un puntiño violento temos todos, ás veces cara a fóra, outras cara dentro.