Hai unha especie de cordón umbilical que une as persoas que compartiron infancia. Máis aínda se somos familia, e ademais de experiencias comúns partillamos persoas de referencia, os nosos maiores, os nosos mestres. El e mais eu compartimos risos, sustos, broncas, veráns, area no fondo da bañeira despois de nos bañar tódolos curmáns, bocatas de queixo con marmelo de cores, bistecs empanados, pementos e tortilla suada de fiambreira, calor de verán e de familia, encontros e desencontros e unha avoa pequeniña de tamaño e grande de carácter, unha forte muller que marchou hai xa vinte anos e segue a saír nas nosas conversas resoando a súa voz, a súa risa.
Había xa uns cinco anos que non nos viamos. A vida, enredada no presente que nos enlea e nos separa, xuntounos hai pouco tempo. Foi en Romeán e foi en Burela. O mar, o mar do porto de Cangas onde nacín eu, do porto de Bueu onde naceu el, do porto de Burela onde agora el vive… As referencias do mar sempre presentes.
Curmá, como estás! Cheíña como unha necoriña! Chea de corales!
E escachamos a rir, e o tempo desapareceu, e volvemos ser a Xandra e o Xacobo que escapabamos da avoa Rosa pola Carrasqueira arriba.
P.D. Hoxe non podo correr tanto, xa pasaron bastantes anos, non teño tanto alento e si, estou cheíña como unha nécora.
Pois cando naceu o meu Leo aprendín que hai xente que lle chama necoriños aos recén nados así que non me extraña que che digan nécora.
Que todo vaia ben !.
Desde logo moito hai que aprender, non sabía eu tal! Moitas grazas, Paideleo.
ja, pois intenta erguerte cara arriba cando esteas deitada! tamén igualiño ca unha necoriña movendo as pernas…! 🙂
Unha aperta, hoxe.
Un bico, especial, hoxe 😉