Hoxe deille os parabéns a miña mai por levar corenta anos sendo mai. Quedei curta. Mañá teño que lle dar as grazas tamén, será máis exacto. Deille unha aperta a meu pai. Das fondas. Vin sorrir a meu irmán. E miña filla cantoume e apertoume, e mantivo aceso ese lume que acendeu dentro de min hai case tres anos (realmente acendeuno xa uns meses antes, cando agromaba ela no meu corpo).
Tamén me escribiron amigas. Amigos. Gustaríame trocar parabéns por encontros. Boto de menos a aperta da amizade, o contacto, a calor do alento que non achegan as teclas.
Dixo a Carmen que nacer nun día coma hoxe imprime carácter. Pode ser, mais quen me imprimiu máis carácter foron meus pais, que lle deron sentido a ese día, que fixeron que me recoñecese nel; e a tribu da que veño e que eu quero estender. A tribu que ergue o puño sen vergoña e porfía. Que viva a República!