A Toño e Carmen, a Mateo e Alexia, que tan ben souberon acompañar a Baldo no seu camiño de vida e morte.
A Fran, que segues aparecendo en cada recanto do meu camiño.
A Miguel, polos camiños que traza o outono.
Na éxtase das cores do outono, andei ás arrasadeiras pra conseguir unhas mazás e levarllas a quen soubo retratalas tan ben.
-Leonor, imos ó cemiterio. Agardas ou queres vir comigo?
-Vou contigo. Ah, mamá, xa sei onde estamos! Foi onde felicitamos a Baldo cando morreu.
-Non, cariño, a Baldo non o felicitamos. Xuntámonos aquí pra lembralo e falar del.
-Ah, si, e por que hai tantas flores?
-Porque son bonitas e levámosllas á xente que morreu.
-E a Baldo por que lle traemos mazás?
-Porque a Baldo gustábanlle as mazás, que tamén son bonitas, e podemos traerllas como se traen as flores. Ponas ó carón do libro como che guste poñelas.
-Vale, e estas folliñas de carballo. E a castaña.
………..
-Ímonos, filla.
-Non, mamá, quero ver a outra xente. Aquí quen está?
-Pois un home que se chamaba José, e aí unha señora que se chamaba Purificación. Pero ven entón, que che vou ensinar unha cousa. Mira, aquí está Gómez, o avó de Xabi e de Antía.
-Está aí dentro porque morreu.
-Si, e agora vouche ensinar onde está un rapaz ó que quixen moito.
-Queríalo moito, mamá?
-Si.
-E el queríate a ti?
-Si.
-E como se chamaba, mamá?
-Chamábase Fran, cariño, chamábase Fran.
No amor, como na morte, nunca oímos o tiro que nos alcanza.
A morte, coma o amor, nunca advirte por onde se nos achega.
Lois Pereiro
Escoito outro Fran que tamén marchou en novembro: Fran Pérez, Narf, (con Uxía), Onda soante. E penso nas ondas que van e veñen, as da miña memoria, nas ondas que van e veñen, as da aprendizaxe, que veñen cargadas, de min pra ela, dela pra min.
Pingback: Cen imaxes, instantes, palabras de cen anos pra ti, Baldo – Alex Ghalpon