Hoxe pasei o día alí. Cabo do río. Os mesmos ameneiros, a mesma auga, o mesmo sol que acompañaron as fotos das nosas mans e os nosos pés. A Semana de Cine 25 anos despois. O inicio dunha historia que me acompaña hai máis de media vida.
Hoxe non foron os irmáns Marx, nin a muralla tralo cine. Mais neste solpor tamén estabas ti. Agromas luz entre as tebras da memoria. E iso é o amor.
“Déixame poñerche o anel, amor” díxenche. E a rixidez da morte trabou o meu corazón e a miña voz no teu corpo frío mais o anel foi contigo, co meu nome e a data dun 23 de setembro de hai 25 anos. El segue alí, co que fuches ti, e ti en min, no que inda son.
Da tua mão direita
á minha mao esquerda
tendemos um tendal de roupa
de todas as cores entre nós
e isto é o amor […]
Iso cantou Caxade alí hoxe, sen saber que a uns metros do escenario, hai moitos anos, fixemos unha foto da túa dereita e a miña esquerda falando dun amor que hoxe cumpriu 25 anos.
Pingback: Novena. 8. Despedida – Alex Ghalpon