A E., na memoria
A C., polo exemplo e por tantas cousas máis
Hai persoas que marchan devagar, como se de puntas saísen dunha habitación na que estamos a durmir. Sen erguer a voz. Coma nunha conversa coas palabras ben pensadas, medidas, xustas.
E así marchou. E o cabaleiro andou a derradeira vereda. E sentirase a súa ausencia, coma un silencio estraño, coma se na primavera das Chousas non falasen as ras, non cantasen os paxaros ou non acompañasen os grilos as estrelas das noites de calor.
Eu lembrareino, cabaleiro de fina estampa, na caricia, no bico do seu amor, nas súas miradas, collidos da man, delgadas mans del e da miña amiga.
Latexarán os recordos na memoria, gañarán a batalla os sorrisos e a complicidade, e eu seguirei aprendendo do seu exemplo, de que sempre haberá un tempo para o amor, malia as despedidas forzadas; anque os anos pasen, anque as nosas mans xa estean cansas de contar historias en cada engurra.
Des que souben da túa partida, rondoume esta canción:
Fina estampa,
caballero,
caballero de fina estampa,
un lucero
que sonriera bajo un sombrero,
no sonriera
más hermoso ni más luciera,
caballero
Na voz doutro cabaleiro de fina estampa: Caetano Veloso, Fina estampa.