Biblioteca publica ou depósito censor?

A Leonor ten 8 anos e gústalle moito ler. Hai uns días nunha actividade da escola escribiu: “Para min a biblioteca é un paraíso marabilloso con millóns de historias sorprendentes cheas de sorpresas inesperadas pero fantásticas”. Vai á biblioteca e ás librarías desde moi pequeniña, rebusca e escolle con liberdade, con consellos, suxestións e orientacións, pero con liberdade. Os libros, o cine e a música acompáñana desde sempre e están integrados na súa vida. Non adormece se non pode ler antes.

Á Leonor gústalle Mafalda e dorme baixo a súa imaxe. Ultimamente gústanlle os Cinco, Astérix, os libros de seu vovó, os Mortadelos, a Pippi Mediaslongas, o Lucky Luke, o Gerónimo Stilton, a mitoloxía, os libros de manualidades e de ciencias, ademais de volver de cando en cando á Toupiña, o Grúfalo, A árbore xenerosa... E do cine xaora que é fan da animación máis actual, a Vaiana, Rango, Coco…, mais o cine é moito máis ca iso pra ela, e sabe de memoria partes de Cantando bajo la lluvia, Tiempos modernos, Con faldas y a lo loco, Os irmáns Marx no Oeste

Imos habitualmente á biblioteca pública de Lugo, cada unha co seu carné. E ás veces son eu quen lle colle libros e pelis segundo o que me pide ou os seus gustos. E a biblioteca non a respecta. Quen organiza a biblioteca impídelle á Leonor coller co seu carné infantil as películas de Charlot, dos Marx, Cantando bajo la lluvia ou outras películas cualificadas para tódolos públicos, ou para maiores de sete anos, agora que xa cumpre tamén con ese límite. Todo porque están na sección xeral da biblioteca e non no reduto infantil. Protestei varias veces. Ás veces de favor deixáronme coller unha destas películas co seu carné. Falei coa directora, seica me entendía pero faloume dunha suposta protección dos menores fronte ós contidos que poden atopar nas salas de “maiores”. Como se houbese tantos nenos e nenas soltas pola biblioteca en busca de saberes “prohibidos”, ogallá os houbese… como se non fosen ata alí con persoas adultas que os acompañamos. Como se non se puidese simplemente crear unha limitación de idade de cada contido, que pra iso está a cualificación por idade das películas e o sentido común, e unha activación de cada carné en función da idade. Pero disque isto non chega porque consultando na sala pode ver carátulas ou cómics que non se deben ver á súa idade. Santiñas e santiños, hai que protexelos dos libros e as películas que hai na biblioteca pública…

O desta semana superou os límites da miña paciencia. Na entrada había unha selección de fondos conmemorando o pasamento de Quino. Collinlle dous DVD cos debuxos animados da súa adorada Mafalda e dous libros con viñetas de Quino que non son de Mafalda. Non mos deixaron coller co seu carné. A opción que me deron, máis unha vez, foi collelos co meu. Mais iso non é o que quero, son cousas pra Leonor e no seu carné deben figurar.

Non son nimiedades, estamos falando dos dereitos da infancia. O dereito a pensar, a gozar, a ver a diversidade. Pensar que unha nena está máis protexida, máis segura, vendo Bambi ou a  Cenicienta de Disney que La bicicleta verde, El chico ou Mafalda… en fin, a resposta eu téñoa moi clara. Razóns de xestión ou informáticas? Agardo que a liberdade das persoas, os dereitos da infancia, se garantan aínda que aparezan problemas informáticos para facelo. Problemas de espazo? Será de espazo mental, non vexo tantos fondos amoreados nesa biblioteca. Desde ese día non me deixa de vir á cabeza a imaxe das fogueiras de libros de Fahrenheit 451. Ogallá a Leonor siga crendo cos anos que unha biblioteca é un paraíso marabilloso con millóns de historias sorprendentes [ó seu alcance]. Eu tamén o creo, e como nai, profe e bibliotecaria de biblioteca escolar niso seguirei porfiando e traballando. Xestionar os libros e as películas limitando as escollas das persoas usuarias daríame vergoña, iso non é ser bibliotecaria. É ser redutor de mundos, de mentalidades, de realidades, de capacidades. É limitar a visión das crianzas cun rodo de “benpensancia” e pseudoprotección cando o que precisan é acompañamento crítico e construtor de libre pensamento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s