Hai uns anos estabamos en Francia o 1° de maio, seguro que nos cantaches a Internacional e a Marseillaise, e seguro que te seguimos. Apampamos cos ramiños de muguetes nos mercados, nas rúas, nas mans… flor nacional do 1° de maio francés. Hoxe corteiche uns muguetes que son fillos dos que nos deu a Dedica, túa madriña, e lin uns versos da Internacional que imprimiches e pegaches nun dos teus andeis, que che fixo o Aniceto.
Estes versos escoiteichos dicir ben veces, forman parte da educación que me destes, do orgullo proletario comprometido. Sen esmolas, con coherencia. Non hai deberes sen dereitos, ningún dereito sen deber.
A Dedi mailo Ani emigraron a Francia e sempre nos contaches o ben que ela chegou a falar o francés. Estoutro día fómolos ver, xa sen ti, e falamos sobre aquel tempo da emigración, a infancia, a mocidade, o traballo e o compromiso.
Ás veces semella que ando en círculos, que o centro es ti, e todo se une. Os muguetes da Dedi, a Internacional en francés na carpenta do Ani. Teño a cabeza e o corpo aboiados. E pasou outro 1° de maio, coa túa ausencia presente, coa túa presenza sempre.

