As Fontiñas olen a mel
neste mes de xullo.
Flores de filseiras. Aligustres. Palabras do papá.
Mel sobre asfalto e non fillogas.
Po, pés, rodas.
Ruído quente. Vellos buscando a fresca.
E as abellas, non veñen.
Nin os paporrubios comer
os froitos dos capudres na cidade amurallada.

P.S. A avenida das Fontiñas, en Lugo, antes mal chamada de Carrero Blanco, é unha longa rúa muralla, entrada á cidade prós que vivimos cara a Fonsagrada. En certa medida é un barrio urbano de Castroverde, pois os que de aló viñeron no éxodo do rural semella que buscan un escape rápido prá súa Itaca de orixe, e nesta rúa viven ou montaron negocios.