VENCEREDES vós.
Pero nosoutros
temos da nosa parte
os carballos de abril…
Regaláchesnos os carballos, papá,
aprendíchesnos a verlles as flores.
[Lembro aquel poema que fixen de pequena, e como chamara a atención que falara dun elefante e unha elefanta bailando baixo un carballo en flor… un carballo en flor? Teñen os carballos flores? E eu… que si, que o meu papá así mo ensinara, como non han ter se despois dan froitos? Froitos? Si, as landras!]
Aprendíasnos tanto, e aínda o fas na ausencia.
Hoxe farías 70 anos, que é a vida completa segundo o Dante Alighieri. Nin el nin ti chegastes a eles.
E os carballos de abril espertan e florean.
E están da nosa parte.

Eu tampouco me decatara de que os carballos tiñan flor… e que estaban da nosa parte.