Hai dez anos que vive comigo unha paporrubio. Fala e apréndeme mil cousas, acompáñame nos risos e nos choros, ás veces provoca uns e outros, dunha ou doutra maneira. Fíxome ser máis eu, foi un desexo cumprido e é futuro de nosoutros. Neste tempo sombrío achega luces e cores. E conforto.
En ti, Leonor, habita o teu vovó bonito. Tes a súa mirada, a súa ansia de aprender, o seu mundo de libros, o seu detector de inxustizas, a súa compaixón. Tes a nosa memoria nas túas mans e dásnos leccións de nena sabia. Bendito o ano, o mes e o día en que chegaches a nós, Leonor.


