Viva Verdi e viva Italia

Hai veces que ocorren cousas que abrollan as bágoas e colocan unha emoción no peito que manca e dá gozo a partes iguais. Entereime onte do que pasou en Roma na representación de Nabucco do pasado 12 de marzo, dentro da celebración do 150 aniversario da unificación italiana.

O sentimento patriótico que achega esta ópera de Verdi, os hebreos que loitan pola liberdade, trasunto dos italianos baixo o imperio austríaco, ten o seu climax no coro de escravos que cantan o Va’ pensiero… E é neste momento cando o público e o coro, a orquestra e o director Riccardo Muti, argallan unha protesta intensa contra a política de recortes dos orzamentos adicados á cultura do primeiro ministro (imperator) Berlusconi, alí presente, que tivo que roer un bis do Va, pensiero cantado comunalmente polos cantores profesionais e o público. «Oh mia patria sì bella e perduta!» «Oh, miña patria, tan bela e perdida!».

Poño o vídeo (que comeza co remate do primeiro Va’ pensiero desa noite, segue cos aplausos e un breve discurso do director argumentando por que acepta facer o bis e arengando a que canten todos, e remata co canto comunal), porque vale a pena vivir esa emoción, que eu mal sei retratar coas miñas palabras. Viva Italia, e viva a dignidade!

Este post vai en especial pra Eliseu, que sabe de Verdi moito máis ca min, e pra meu pai, ó que lle tremía a voz cando nos contou na casa o que lera que pasara na ópera.

6 thoughts on “Viva Verdi e viva Italia

  1. Evviva!
    Moitas grazas pola dedicatoria. A verdade é que se trata dunha peza que non deixa de emocionar aínda que se escoite mil veces.

  2. Cando sentiremos algo así no noso país? Para cando a nosa indignación pola actuación dos nosos “capos”??

  3. Indignádevos, dinos o Stéphane Hessel, e estes días seguro que anda indignado coma nós o estamos con este impresentable socialista francés do FMI, Porsche á porta, 3000€ de suite, por non meternos en interioridades (como di miña amiga Maite, houbo pensar que a rapaza estaba incluída no prezo). Pero non é cousa de cabrearse diante da TV, senón de facer algo máis, e aí comeza o complexo, a mobilización. Os casos da ópera ou do Benigni son potentes e dan exemplo, pra cando o noso turno? Traballamos ós poucos e non soemos ter os medios, nin estar nos medios, eu tampouco sei a resposta…
    Benvida, Mar, e ben recibida a túa indignación.

  4. Buf…! gastei un paquete de clínex.
    E esa fermosa choiva de octavillas, que se integra perfecta na coreografia…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s