Xa hai demasiado tempo que ando dando tumbos coa miña cinefilia. Que se collo películas no videoclube, que se na biblioteca, que se me pasan algunhas ou vexo algunha na tele (se non fose pola 2 ou a sexta3, non sei onde…), o caso é que hai ben tempo que non vexo nada que me encha o corpo, ou que mo encolla, ou que mo remexa e o revolva.
Estareime facendo unha repugnante? unha escollida? ou é que lle perdín a capacidade de meterme na película e deixarme levar por ela?
Onte non. Onte houbo que recuncar, creo que era a cuarta vez que a vía, pero si, GOCEI dunha película de novo. Alvin mestura as paisaxes do millo, da memoria e das estrelas, e encólleme o corazón coas súas palabras e historias (“o peor de ser vello é recordar cando eras novo”…). Que historia a dunha historia verdadeira… O vello sabio, o esquecemento, as prioridades, a vida, o respirar, o mirar, a viaxe paseniña, os pasos paseniños, o amor de irmán (que amor…). E a deliciosa música.
E das paisaxes do millo maduro de Alvin, eu vou ás do millo verde da Mariña luguesa e as Asturias deste verán que xa foi.










